Anova+PsoE soben un 66% os servizos de conciliación
O goberno municipal malgasta cartos en propaganda e sube servizos básicos para as familias. Anova e PSOE aprobaron unha nova ordenanza na que se incrementou o Diverteo nun 66,7%
O goberno municipal malgasta cartos en propaganda e sube servizos básicos para as familias
Un grupo de pais e nais de Teo comunicáronlle ao portavoz do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz, o seu descontento diante da suba dos prezos dos servizos de conciliación da vida laboral e familiar por parte do goberno municipal.
O pasado mes de decembro o executivo de Anova e PSOE aprobou unha nova ordenanza na que se incrementou o servizo de Diverteo nun 66,7% para o servizo sen xantar. Unha suba importante a respecto do prezo que se aboaba en función da ordenanza vixente desde outubro de 2011, que ademais fora aprobada co apoio de todos os grupos da corporación e coa única abstención dos independentes.
Diante disto, os pais e nais que necesitan utilizar os servizos de conciliación reclámanlle ao goberno municipal que reconsidere as subas e que ofrezan uns prezos máis axustados.
Desde o BNG de Teo reclamamos sensibilidade cos veciños e veciñas de Teo que precisan deste servizo básico para conciliar a vida laboral e a familiar. E, por exemplo, os cartos destinados a propaganda do InformaTeo estarían mellor investidos en paliar a suba neste servizo, ou mesmo coa redistribución do case un millón de euros que vai recaudar a maiores o Concello pola suba da contribución.