O PP DE TEO POSICIÓNASE A FAVOR DO PROXECTO DE INDUSTRIA TÉXTIL E DE CELULOSA ALTRI  EN ROGOS, A ORGANIZACIÓN NACIONALISTA INFORMOU DA NECESIDADE DE MELLORA EN DIFERENTES PUNTOS DO CONCELLO

O PP de Teo a favor de Altri

Portada do video sobre Altri
Portada do video sobre Altri
No Pleno Municipal de Teo do 25 de abril de 2024, aprobouse unha moción en contra do proxecto de Altri en Palas de Rei, rexeitada polo PP, que defendeu a iniciativa como beneficiosa para a comarca. Tamén se correxiu un erro orzamentario que cambiou a fundación Foltra por Agadea para actividades de estimulación do alzheimer, e o BNG plantexou diversas necesidades de mellora no municipio, como a reubicación de contedores e a seguridade nas estradas tras a retirada de lombas.
O PP de Teo a favor de Altri
Captura
Captura

 

Teo, 25 de abril de 2024.- No día de onte tivo lugar o Pleno Municipal correspondente ao mes de abril. Entre os diversos temas que se abordaron, atópase unha moción para amosar o rexeitamento de Teo ao proxecto de industria téxtil e de celulosa de Altri, que se pretende instalar en Palas de Rei, pola súa afección ao medio ambiente do río Ulla e da ría de Arousa. Toda a oposición votou a favor, a excepción do PP, que negou a posibilidade de contaminación e indicou que será unha mellora para unha “comarca deprimida” como a Ulloa.  

Outro dos puntos a tratar na orde do día foi unha corrección, que o goberno local atribúe a un erro material, nas bases de execución do orzamento 2024. Así, nos presupostos presentados polo goberno en xaneiro aparecía destinada unha subvención nominativa para actividades de estimulación do alzehimer á fundación Foltra. Tras as queixas e o malestar amosado por numerosas familias e usuarios do servizo, o BNG de Teo levou o tema a dous plenos anteriores e o PP indicou que todo era un “bulo” e que o servizo en todo momento se expuxo con Agadea, que a Foltra só se lle pediu un orzamento. Así, no día de onte o Pleno tivo que votar para cambiar “Foltra” pola “asociación Agadea”, a pesar de que só era un “bulo”. Con esta, xa van varias modificacións dun orzamento sacado adiante en xaneiro e cunha maioría absoluta.  

Por último, o BNG informou en rogos e preguntas de diferentes necesidades de mellora no municipio. Entre elas está a relocalización de diferentes contedores en Constenla, na travesía de Cacheiras e en Ameneiro. Tamén preguntou polo amontoamento das marquesiñas retiradas na zona verde da Casa Común de Lucí. Ademais, indicou ao goberno dunha zona perigosa e sen entubar no lugar das Cruces, que xa provocou algún accidente. Tamén lle pediu o mantemento e coidado dos lavadoiros.  

Por outro lado, tras a retirada de varias lombas en diferentes estradas do concello, o BNG preguntou ao goberno como ía xestionar a seguridade nesas estradas, nas cales a velocidade de moitos vehículos aumentou considerablemente, como no lugar de Bustelo ou por Augas Mansas. A rexedora municipal informou que teñen previsto pintar algúns pasos de peóns e que controlarán a velocidade mediante un radar móbil. Xa para rematar, o BNG solicitou ao goberno municipal que contemple a mellora da estrada que une Fornelos co cemiterio de Rarís, pois atópase en moi mal estado.

O PP de Teo a favor de Altri