Aprobada a nosa moción para a creación dun Centro de Día en Teo

S23C5F5
Manuel Anxo Fernández Baz, voceiro do BNG

O BNG non deixou de loitar por ese proxecto tan necesario nun concello con máis de tres mil persoas maiores de 64 anos e cunha rede viaria que dificulta a comunicación entre as parroquias e cos concellos limítrofes.

Aprobada a nosa moción para a creación dun Centro de Día en Teo

No Pleno celebrado onte foron aprobadas por unanimidade varias mocións, entre elas a presentada polo BNG, que procura a creación do anhelado Centro de Día polo que a veciñanza leva esperando oito anos. Pois, segundo informou o voceiro do grupo municipal do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz,  foi no ano 2009, estando xa licitados os terreos e orzamentado o investimento para a construción do Centro de Día, cando foi paralizado o proxecto por orde do recentemente estreado presidente, Núňez Feijoo, que viña de gañar as eleccións. 

Desde entón, continuou expoñendo Baz,  o grupo municipal do BNG non deixou de loitar por ese proxecto tan necesario nun concello con máis de tres mil persoas maiores de 64 anos e cunha rede viaria que dificulta a comunicación entre as parroquias e entre estas e os concellos limítrofes.

Manuel Anxo Fernández Baz tamén informou de que o BNG iniciara recentemente unha nova campaña para instar ás distintas Administracións públicas a dar solución a esta vella demanda. Para iso, recolleu sinaturas entre os veciños e veciñas do concello, sinaturas que o voceiro do grupo municipal elevou ao Parlamento de Galicia. Pero, pero que non pasou o trámite parlamentario polos votos en contra do Partido Popular.

En consecuencia, o BNG de Teo optou por presentar a moción no pleno de marzo, para  instar á Xunta de Galicia a que constrúa un Centro de Día en Teo ou que dote ao concello dun destes centros públicos da maneira que considere máis conveniente. Na súa moción, o BNG tamén instou ao goberno municipal   a facerse cargo da xestión do devandito centro e a trasladar o acordo ao Parlamento de Galicia.

Todos os grupos presentes na corporación municipal apoiaron a moción do BNG presentada por Manuel Anxo Fernández Baz; se ben o Partido Popular manifestou as súas reticencias e solicitou datos de demanda por parte de posibles usuarios do futuro Centro de Día. Ademais o grupo municipal do PP puxo sobre a mesa a proposta alternativa dun centro sociocomunitario, para cubrir as necesidades dos maiores. Mais esta proposta foi rapidamente contestada por tratarse dun tipo de centros concertados que favorecen e fomentan a privatización dos servizos públicos e non cobren todas as necesidades que si cubriría un Centro de Día.

Finalmente a moción foi aprobada por unanimidade, como tamén o foron as referidas á construción dunha senda peonil e á ampliación da vía Oza-Vilariño-Santa María de Teo-Santa Lucía. Finalmente, a derradeira das mocións aprobadas, se ben coa abstención do Partido Popular, foi a referida á inclusión do eucalipto no catálogo de especies invasoras e a declaración do concello de Teo como territorio a prol da diversidade e da recuperación da flora e da fauna autóctona.

Antes de dar por finalizado o pleno, no apartado de Rogos e preguntas, Manuel Anxo Fernández Baz, presentou seis rogos. Entre eles cabe destacar o rogo de retirar os sinais que indican actividade escolar en zonas nas que xa non existe tal; a petición de arranxar o repetidor de televisión de Rarís que non dá un sinal adecuado para a veciñanza de Coira; ou a demanda de limpar as gabias da estrada xeral que leva á Estrada, entre outros asuntos.

Aprobada a nosa moción para a creación dun Centro de Día en Teo