Aprobada a moción do BNG de Teo para a implantación da taxa a empresas por uso do dominio público

manxoPleno1

Aprobadas por unanimidade varias mocións do BNG, entre elas a que, procura a implantación dunha taxa municipal ás empresas de servizos polo uso do dominio público.

Aprobada a moción do BNG de Teo para a implantación da taxa a empresas por uso do dominio público

No Pleno celebrado este luns no concello de Teo foron aprobadas por unanimidade varias mocións presentadas polo BNG, entre elas a que, baseándose en recentes sentenzas o Tribunal Supremo, procura a implantación dunha taxa municipal ás empresas de servizos como electricidade, telefonía, etc... polo uso do dominio público. Deste xeito, iniciaranse os estudos conducentes á posta en marcha desta taxa municipal, que pretende gravar o uso que este tipo de empresas fan dos bens públicos, por exemplo, ao instalar infraestruturas e cableado en territorio municipal.

Tamén foi aprobada por unanimidade a moción sobre os estragos producidos polo pasado temporal, nomeadamente no referente aos cortes de luz que provocaron graves prexuízos a veciñas e veciños de Teo. O portavoz municipal do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz, indicou que “sendo Galiza excedentaria na produción eléctrica, non se entende que teña un servizo tan deficitario, se non é polas grandes deficiencias nas infraestruturas e o insuficiente mantemento das mesmas”. Na moción, instábase ao pleno municipal a exixir responsabilidades ás empresas, ademais de que fagan unha análise tanto dos prexuízos ocasionados no pasado temporal, como da situación das infraestruturas con vistas a reparalas e melloralas.

Por unanimidade foi tamén aprobada a moción que instaba a celebrar o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, poeta galega universal, e nomear o 24 de febreiro como Día de Rosalía, programando actividades diversas como lecturas públicas de poemas ou visibilización de textos rosalianos en diversos lugares do Concello.

Ademais das mocións sinaladas, aprobouse a moción de urxencia, tamén do BNG, sobre os fondos destinados aos concellos no Fondo de Cooperación Local da Xunta, para que se incrementen e se faga transparente a súa concesión, ao estilo do POS+2017 da Deputación de Pontevedra.

Manuel Anxo Fernández Baz, portavoz municipal do BNG, interesouse no punto de rogos polo mantemento do exterior da Casa Común dos Tilos, a sinalización de pistas forestais, a sinaléctica en varios puntos do concello ou a problemática xurdida co permiso para o Entroido, entre outros asuntos.

Aprobada a moción do BNG de Teo para a implantación da taxa a empresas por uso do dominio público