Abertos a diálogar con SdT+PSOE
O BNG incrementa en Teo os seus apoios nun 30% pasando a ser a forza decisiva.
Fernández Baz destaca o ascenso electoral e reafirma o compromiso do BNG cos veciños e veciñas para, entre todos e todas, facer un Teo mellor.
A asemblea local do BNG en Teo valorou positivamente os resultados acadados o 26 de maio pasando a converterse na forza decisiva e determinante grazas a un incremento dos votos de case o 30%, recuperando o grupo municipal que quedará conformado por Manuel Anxo Fernández Baz e por Carmen Diéguez González.
O actual portavoz do BNG e candidato, Manuel Anxo Fernández Baz, destacou o importante ascenso electoral e a relevancia do grupo municipal do Bloque e reafirmou “o compromiso cos veciños e veciñas para, entre todos e todas, facer un Teo mellor.”
O escenario que xurdiu das eleccións deixa ás claras a perda de apoios do goberno municipal en tanto que pasou de sumar nove concelleiros/as a quedar con oito, neste sentido Fernández Baz destaca que “houbo un castigo por parte do electorado que pide outra forma de facer política desde o Concello.”
Neste escenario, o BNG gaña moito peso específico en tanto que é imprescindíbel para a conformación de maiorías reforzadas, pois en T eo son necesarios nove concelleiros para ter maioría absoluta.
A asemblea local do BNG deixa ben ás claras a premisa fundamental sobre a que se desenvolven todas as demais, e é que o BNG non vai permitir nin por activa nin por pasiva un goberno do Partido Popular e agarda que as demais forzas que se definen como progresistas que fagan o mesmo.
Tendo isto claro, o BNG amosou a súa disposición a iniciar conversas con Son de Teo e PSOE para debater sobre as posibilidades para conformar unha maioría progresista, partindo da premisa de que hai moitas cousas que cambiar na forma de facer política como puxeron de manifesto os veciños e veciñas de Teo o 26 de maio.
En todo caso, a posición do BNG a respecto da configuración dunha nova maioría de goberno esixe un compromiso por parte dos outros actores para abrir unha nova etapa baseada no diálogo e na transparencia poñendo sempre por diante os intereses dos veciños e das veciñas de Teo.