O BNG amosa a súa sorpresa pola decisión do Alcalde de rachar o acordo de goberno
O BNG amosa a súa sorpresa pola decisión do Alcalde, Rafael Sisto, de rachar o acordo de goberno co PSOE. Considera a decisión arriscada e lamenta o papel de ambos socios de goberno que non foron quen de entenderse pese a compartiren goberno dende hai sete anos.
O BNG rexeitou entrar no goberno municipal logo de varias reunións mantidas con ambos grupos en xuño do 2019 polo mor do clima de tensión e hostilidade no que se desenvolveron esas conversas. O sucedido no día de onte non foi máis que a constatación dos desencontros e deslealdades dentro do goberno municipal que o BNG leva denunciando dende o principio do mandato e que eran vox populi na sociedade Teense. O goberno de Teo era, de facto, un goberno bicéfalo no que ambas partes funcionaban de xeito autónomo o que significaba ter dous medios gobernos que non se entendían e que en non poucas ocasións tiveron desencontros públicos pola falla de comunicación e coordinación entre ambas partes.
A xestión deste goberno en problemas tan importantes coma o vertedoiro da Casalonga, os problemas nos colexios –primeiro nos Tilos e agora en Calo– ou no Parque Eólico do Monte Piquiño foi realmente mala. O balance destes anos cun goberno preocupado sobre todo pola política de asfalto é termos á cultura en Teo na UCI e unha maraña de confusión e opacidade nos plans a futuro dos grandes problemas da veciñanza coma por exemplo no vertedoiro da Casalonga.
Diante desta situación, o portavoz municipal do BNG, Manuel Barreiro Rozados, subliñou que “lamentamos sucedido e esta escalada de confrontación alimentada dende o principio por ambos socios” e continuou “e semella inaudito que o PSOE queira agora ser a vítima deste desastre que provocado por ambos ”.
O BNG continuará coa liña e traballo desenvolvida dende o inicio deste mandato, cunha oposición responsábel, artellada de xeito construtivo e dialogante. Antepoñendo o ben común, o benestar e a mellora das condicións de vida dos veciños e veciñas de Teo a calquera interese partidista ou electoralista. Garantindo a gobernabilidade a través dunha vontade clara de acordos coas outras forzas políticas sempre que se contemplen políticas transformadoras e efectivas. Neste momento son moitos os desafíos que ten que afrontar o goberno municipal de Teo e non é momento de andar facendo experimentos.
O BNG tamén lamenta o oportunismo tacticista e a dialéctica catastrofista do Partido Popular e pregúntase se o “portavoz sen voz” pretende ser Alcalde logo de ter feito públicas propostas tan imposíbeis e delirantes como a de que o Concello asuma a restauración da canteira da Casalonga, usar as cámaras de tráfico para a vixilancia veciñal ou impulsar a expropiación dunha pista municipal para beneficio privado.