O BNG LEVARA AO PARLAMENTO A NEGATIVA DA XUNTA A MANTER AS TRES AULAS DE CUARTO DE PRIMARIA
Apoiamos as demandas da ANPA “A Rabadela” de Calo e exiximos a rectificación da Xunta de Galiza
O portavoz municipal do BNG, Manuel Barreiro, mantivo está mañá unha reunión con representantes da directiva da ANPA “A RAbadela” do colexio de Calo. Na reunión as representantes das nais e pais transmitiron a súa preocupación pola negativa da Xunta de Galiza a manter as tres aulas existentes no curso de cuarto de primaria e reducilas a dúas.
A ANPA solicitou manter unha reunión presencial coa Inspectora de Educación xa que considera que aínda cumprindo as ratios marcadas pola normativa esta redución vai afectar negativamente a un curso no que o centro ten máis dun dez por cento de alumnado con necesidades educativas especiais e mesmo dous con trastorno de espectro autista. Esta situación xa sucedeu hai dous anos e comprobouse que diminuía a efectividade e a calidade do ensino ademais de incrementar a presión sobre un cadro de persoal que a Xunta sempre mantén nos límites. As familias rexeitan dar un paso atrás e volver agora a unha situación superada, xa que consideran moi positivos os avances feitos dende que existen estas tres aulas.
O portavoz municipal, Manuel Barreiro, pide “responsabilidade á Xunta de Galiza e que manteñan as tres aulas. As nosas crianzas non son números, non todo son as ratios, que ademais, en todo caso, poñen os límites por riba e non por baixo. Neste caso concreto, no que hai alumnado con necesidades educativas especiais, hai que ter moito coidado co que se fai pois podemos poñer en risco a educación, o desenvolvemento e as dinámicas de grupo na aula de medio cento de nenos e nenas. Hai que escoitar á comunidade educativa”. Barreiro lamentou que “a Xunta continúe co ataque á veciñanza de Teo, hai un desleixo, evidente, na modernización dos CEIP que lle reclamamos en repetidas ocasións e que maquillaron algo hai dous anos pero que precisan de investimentos que solucionen definitivamente problemas coma as pingueiras nas instalacións. Despois do atropelo que pretenderon co comedor dos Tilos, agora volven á carga coa supresión desta aula. Se non fan os investimentos que precisamos que polo menos non nos quiten o que xa hai, isto non é de recibo.” Por outra banda, Barreiro, instou á concelleira de educación do PSOE, Mayte Argibay, a actuar dende xa e a que non cheguemos á mesma situación que no sucedido no Tilos en febreiro deste ano, onde a súa inacción, primeiro, e a súa incapacidade, despois, complicou innecesariamente o asunto.
O BNG considera que é preciso solucionar este tema con rapidez e dar seguridade á comunidade educativa. Non se entende que o Goberno Galego lles dea as costas ás familias e ás crianzas e exixe que se manteñan as prazas docentes e todos os servizos precisos nos CEIP de Teo.