O BNG denuncia a saturación dos centros de saúde en Teo
Denunciamos que os centros de saúde de Teo están saturados e os seus profesionais desbordados con cupos de doentes inabarcábeis, chegando nalgún caso a ter até a 80 doentes por dia para atender.
O Portavoz Municipal, Manuel Barreiro, sinalou que “anos de recortes do PP teñen o noso sistema de saúde unha situación moi preocupante e, por riba, o goberno de Feijóo aproveitou a pandemia para rematar de desmantelar os servizos públicos. Esta semana dirixíronse a nós varios profesionais da sanidade que traballan en Teo para transmitirnos que están ao límite con cupos sobredimensionados que son imposíbeis de atender e isto provoca unha diminución evidente nos dereitos das persoas doentes, tamén veciños e veciñas que protestan polos dilatados prazos das citas previas, xa que logo, cando chega a cita xa curaches o arrefriado”. Así mesmo Barreiro considerou que “calquera proxecto de novo centro de saúde para Teo debe incrementar os medios materiais e humanos, ampliar os servizos e mellorar as infraestruturas e, por suposto, vir ligado a un Centro de Día que levamos reclamando máis de dez anos xa”.
Máis unha vez expresamos a nosa solidariedade co persoal dos centros de saúde de Teo. Lembramos as denuncias feitas polo Bloque por mor da falta de médicos, porque non se cubren as ausencias das prazas por permisos ou vacacións e pola sobrecarga dos cupos dos facultativos, chegamos mesmo a que as embarazadas tiveran as aulas preparto na entrada do centro de Saúde de Calo.
Dende o BNG reclamamos ao goberno galego que deixe de recortar e que dote á atención primaria de persoal e dos medios materiais que se precisan para atender correctamente e garantir todos os dereitos dos veciños e veciñas de Teo.