Demandamos un pleno extraordinario para que o Alcalde dea conta da reunión mantida con Toysal

WhatsApp Image 2020-07-01 at 20.36.44
O pasado venres tivemos coñecemento dunha reunión de representantes da empresa Toysal coa concelleira de urbanismo de Teo
Demandamos un pleno extraordinario para que o Alcalde dea conta da reunión mantida con Toysal

Este encontro provocou moita indignación na parroquia de Calo ao ter coñecemento do mesmo despois de terse celebrado e sen mediar ningún tipo de comunicación aos veciños e veciñas da parroquia, que están moi preocupados polos proxectos que pretendeu e pretende desenvolver esta empresa na canteira da Casalonga.

A través do noso portavoz municipal, Manuel Anxo Fernández Baz, e dada a transcendencia dos proxectos previstos por Toysal para o noso concello e concretamente para Casalonga (Calo), e tendo moi presente a mobilización veciñal que se leva desenvolvendo nos últimos dous anos, e que levou aos veciños e veciñas de Calo a organizarse nunha plataforma, consideramos que é necesaria e urxente a comparecencia da concelleira de urbanismo para dar conta da reunión celebrada, así como da forma na que se produceu e se deu a coñecer.

Fernández Baz engadiu que “desde o grupo socialista de Teo, e nomeadamente por parte da súa portavoz, Uxía Lemus, falan de unidade da corporación municipal mais desde o Bloque preguntamos onde está iso que predican e non practican, pois tivemos coñecemento do encontro con Toysal despois de producirse, e máis aínda tendo en conta que o día anterior coincidimos todos os portavoces municipais no Concello”, ao que engadiu que “non se trata de facer insinuacións nin presuncións senon de poñer de manifesto que desde o BNG non entendemos o ocultamento, nin o secretismo, dunha reunión que sabían, ou deberían saber, que ía causar malestar veciñal.

En definitiva, o BNG de Teo solicítalle ao alcalde a convocatoria dun pleno extraordinario no que a concelleira de urbanismo dea conta da reunión celebrada o pasado venres con Toysal, en aras da transparencia e por deferencia aos veciños e veciñas de Calo que desde 2018 levan loitando contra a pretensión de colar un vertedoiro na Casalonga a través dun plan de restauración do espazo mineiro da canteira.

Demandamos un pleno extraordinario para que o Alcalde dea conta da reunión mantida con Toysal