Fernández Baz reclama o apoio á campaña social impulsada polo BNG para que os veciños e veciñas de Teo poidan desfrutar deste servizo básico
En decembro do pasado ano, o BNG formulou unha enmenda aos orzamentos da Xunta para 2017 encamiñada a garantir a posta en marcha dun centro de día no noso concello. O PP botou abaixo mais unha vez esa posibilidade.
En decembro do pasado ano, o grupo parlamentar do BNG formulou unha enmenda aos orzamentos da Xunta de Galiza para 2017 encamiñada a garantir a posta en marcha dun centro de día no noso concello mais o PP botou abaixo mais unha vez esa posibilidade a pesar da evidente necesidade deste servizo fundamental para as persoas maiores, a pesar dos pasos dados hai anos para a súa construción, a pesar do acordo aparente de todos os grupos políticos do concello (incluido o PP) e a pesar mesmo das promesas electorais do propio Feijóo.
Agora, despois de tantas mocións, rogos, preguntas e compromisos incumpridos o Bloque presenta unha nova Moción ao Pleno demandando este recurso fundamental para a atención ás persoas maiores dependentes e a conciliación da vida familiar e laboral "é un clamor social" no noso concello.
Na súa moción, o representante do BNG no concello de Teo propón ao Pleno da Corporación municipal que reclame á Xunta a posta en funcionamento dun centro de día público para atender as persoas maiores en situación de dependencia e insta o goberno municipal a manter o seu compromiso de colaboración para a construción deste equipamento. Tamén demanda que o acordo sexa trasladado ao presidente da Xunta de Galiza e aos grupos parlamentares da Cámara Galega.