O BNG non pasa por entrarlle ao xogo á Xunta e rexeita a entrada de residuos na canteira
O BNG de Teo denuncia o electoralismo para ocultar a intención de establecer un vertedoiro da Casalonga
O BNG de Teo vén de coñecer a posición do Director Xeral de Minas, Bernardo Tahoces, que compareceu hoxe en Comisión no Parlamento de Galiza, ao respecto das previsións da Xunta de permitir que TOYSAL opere na canteira e poida usar residuos inertes. A comparecencia veu motivada pola iniciativa rexistrada polo BNG o 25 de marzo, con motivo da manifestación multitudinaria de Calo, na que se interpela á Xunta polo reinicio da actividade da canteira.
Desde o BNG consideramos que a previsión da comparecencia motivou que a Xunta previamente convocara unha reunión no día anterior coa Plataforma Casalonga Limpa de Residuos para anunciar as súas intencións sobre o novo plan de restauración da canteira, realizado conforme ao Real Decreto 975/2009 aprobado polo PSOE, así como permitir o acceso á documentación. Trátase dun movemento que o BNG de Teo a través do seu portavoz municipal e candidato á alcaldía, Manuel Anxo Fernández Baz, considera “que chega agora como unha suposta e interesada oferta de negociación, aberta pola Xunta coa representación da veciñanza, que só responde a un interese electoralista.”
Diante das noticias que apareceron en diferentes medios a respecto da reunión, Fernández Baz, expresou que “non, é non, por moi inerte que o residuo poida resultar”, amosándose sorprendido polo ofrecemento do Director Xeral, que pretende non saír mal parado con dita oferta. Baz destacou que “están en campaña electoral e agora acórdalle ao PP recibir á Plataforma veciñal para vender fume, como xa fixo antes o Secretario de Estado do PSOE coa promesa de modificar a normativa que eles mesmos aprobaron.” E engadíu que “o único que vén prometendo a Xunta é facer valer a normativa que precisamente permite colar vertedoiros en canteiras.” Diante disto, o BNG non ten dúbida en respostar cunha negativa contundente a dito ofrecemento, “tendo claro que a veciñanza xa se ten posicionado cun non rotundo á chegada de calquera tipo de residuo á canteira, e que resulta moi perigoso que poida abrirse calquera brecha de permisividade.”