O BNG pídelle a Son de Teo, PSOE e PP que deixen de enredar coa planta de residuos
Fernández Baz esíxelle ao goberno municipal o informe de compatibilidade urbanística para darlle “carpetazo” á planta de Toysal
O BNG de Teo vén de coñecer que o goberno municipal (Son de Teo e PSOE) mantivo unha reunión coa Xunta de Galiza (PP) na que se comunicou que o trámite de exposición e información pública da planta de residuos, que a empresa Toysal pretende instalar na Casalonga (Teo), vai comezar de maneira inminente. Ademais, a Xunta manifestou que non ten intención de modificar a normativa nin o Plan de Residuos de Galiza para evitar que este tipo de instalacións e similares se ubiquen en solo rústico nin próximas ás vivendas.
Diante desta información, o portavoz municipal do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz, manifestou que “unha vez máis os acontecementos volven darlle a razón ao Bloque, en tanto que xa advertimos que ía iniciarse o procedemento despois de que pasaran oito meses desde que Toysal solicitara no Concello o informe de compatibilidade urbanística”, e engadíu que “realmente non se trata de que se acelerara o procedemento, senon que é unha consecuencia da lóxica temporal, por iso o BNG insistía na importancia de emitir o informe de compatibilidade negativa canto antes”.
Así pois, Fernández Baz pídelle a Son de Teo e PSOE que “se deixen de agardar pola petición da Xunta do informe sobre aspectos de competencia municipal que é de carácter non definitivo, e que elabore e presente dunha vez e sen demora, o informe de compatibilidade urbanística negativa que si é definitivo, é dicir é o único documento que pode paralizar o proxecto de Toysal.” Polo tanto, Baz insiste na necesidade de “ter vontade política para enfrontar esta problemática que ten graves consecuencias para a veciñanza da Casalonga.”
O portavoz nacionalista con respecto ás posibilidades de que se poida presentar outro proxecto no caso de que se paralice o actual co informe municipal, insistíu en que “ninguén pode garantir que non se presente outro proxecto, que en todo caso terá que ser diferente porque o actual quedaría anulado, pero esta posibilidade non se pode garantir nin co informe do Concello nin despois de que a Xunta non autorizara, nese sentido si que é fundamental un cambio da actual normativa do Partido Popular.”
Baz reclámalle ao goberno municipal e ao PP que antepoñan os intereses veciñais e que actúen con responsabilidade aportando o informe que da o carpetazo, e no caso do PP que cumpra os compromisos acadados non só coas forzas políticas senon tamén coa veciñanza, pois poden ser moitas as mocións e declaracións institucionais asinadas ou mesmo declaracións públicas contra a planta, pero queda claro que na práctica non teñen vontade algunha para evitar situacións como a que se produce na Casalonga, nin de evitar o sufrimento veciñal.
Por outra banda, o portavoz nacionalista manifestou o apoio do BNG aos veciños e veciñas, e animou á mobilización social a través da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos, porque é fundamental diante do despropósito que representa este proxecto, e diante das loitas políticas entre Son de Teo, PSOE e PP que prefiren seguir con acusacións cruzadas e co vitimismo mentres avanza a tramitación administrativa.