O BNG reclama ao goberno municipal un transporte público de calidade para todos os veciños e veciñas de Teo
O balance do TeoBus é negativo e seguen as queixas veciñais por non ter acceso ao servizo. As liñas que deberían dar cobertura á AC-841 seguen creando problemas aos usuarios e usuarias
O BNG reclama ao goberno municipal e á Xunta un servizo de transporte público de calidade que dea servizo ao maior número de veciños e veciñas.
O portavoz municipal, Manuel Anxo Fernández Baz manifestou que “no BNG consideramos fundamental a posta en marcha dun servizo municipal de transporte para comunicar as parroquias, reclamando máis liñas, máis paradas e mellor servizo”, e sinalou que “o goberno municipal non foi quen de poñelo en marcha, malia ter unha concelleira de transporte cunha dedicación exclusiva”.
Neste sentido, Fernández Baz reafirmouse na necesidade de “pasar xa das intencións aos feitos, porque son moitos os convenios, protocolos, e outros documentos asinados polo goberno municipal, pero o transporte público segue sendo un servizo con moitos problemas.” E engadíu que “estamos a escasos quilómetros da capital de Galiza pero é case imposíbel vivir en Teo utilizando o transporte público”. Concluíu dicindo que “os veciños e veciñas, e nomeadamente a mocidade, reclaman un transporte público que facilite o acceso ás liñas que comunican con Santiago.”
O portavoz nacionalista destacou que “o TeoBús ten que ser reconsiderado en moitos aspectos, é necesario atender mellor ás demandas veciñais para garantir o seu funcionamento.” E puxo de manifesto que “é precisa a reformulación do modelo actual que conta cunha única liña, a mellora das conexións coas liñas que comunican con Santiago.” O reprantexamento do actual percorrido que foi deseñado polo alcalde e que foi cualificado por Son de Teo e PSOE como froito da “inxenuidade”, e mesmo a atención aos puntos que máis reclaman o servizo en horarios determinados, son algunhas das ideas que o BNG poñerá sobre a mesa no Concello.”
Así pois, desde o BNG de Teo reclamamos un plan de actuación urxente que solucione estes problemas, que o goberno municipal de Anova-Son de Teo e PSOE implemente solucións máis aló das declaracións de intencións e de botar balóns fóra. Pois cando algo funciona mal, ou cometen un erro, recorren á oposición e incluso aos veciños e veciñas á desesperada para non asumir as súas responsabilidades como goberno municipal, en tanto que piden auxilio mais non aportan ideas para mellorar o servizo. Así pois, diante dun problema son necesarias solucións e máis aínda cando se investiron 30.000 euros nun Plan de Mobilidade.
Por outra banda, o concelleiro do BNG puxo de manifesto que hai un problema recorrente coas liñas que deberían cubir a AC-841, así esta pasada semana “un grupo de veciñas e veciños contactaron co BNG para denunciar que estiveron nunha parada máis dunha hora agardando por un autobús que non chegaba, malia ter fixados os horarios”, e engadíu que “é unha situación insostíbel cun servizo que cada vez e menos público e máis discrecional”.
En definitiva, o BNG reclámalle a Concello e Xunta un transporte público que atenda as necesidades da veciñanza dun concello que non pode serguir incomunicado e cun transporte público, interior e exterior, plagado de problemas.