O GRUPO NACIONALISTA URXE POÑER FIN Á SITUACIÓN DEFICITARIA E ESIXE A CREACIÓN DO CENTRO DE DÍA
O BNG reclama á Xunta información do plan sanitario e a mellora dos servizos no concello de Teo
O BNG non quere que o debate se centre no anuncio de peche do centro de saúde dos Tilos "que, evidentemente, dá servizo a unha ampla poboación que precisa ter atención sanitaria próxima" senón na necesidade de ter coñecemento do plan sanitario que a Xunta ten para o concello.
O BNG urxe á Xunta de Galiza a que aclare o plan sanitario previsto para o Concello de Teo que, segundo apuntan, terá que contemplar unha mellora e ampliación dos servizos ademais de incluír o demandado Centro de Día. Para o grupo nacionalista, o problema non é só o anuncio de peche do centro sanitario dos Tilos senón a pésima situación na que se atopa a atención sanitaria do concello.
"Reclamamos uns servizos amplos, dotación humana e técnica axeitada ao tamaño do noso concello. Esiximos a mellora e ampliación das dotacións que son todas, como comproba a veciñanza cada día, deficitarias. A nosa demanda é de infraestruturas que respondan ás urxencias de Teo e atopamos co anuncio de peche do centro sanitario dos Tilos sen ningunha información do plan previsto para o concello", explica a portavoz municipal do BNG, Patricia Castelao para quen é lamentábel que, fronte á necesario posicionamento do lado das demandas veciñais "esteamos a asistir a un xogo de demagoxia sen ningún horizonte que anuncie un futuro mellor para os coidados en Teo".
O grupo nacionalista fai fincapé en que neste momento o concello conta con catro centros de saúde mais todos eles son "de moi pequenas dimensións e están completamente saturados co cal é preciso planificar a mellora global da situación e iso terá que incluír, necesariamente, o Centro de Día para as persoas maiores que o BNG e a veciñanza reclama", afirma Patricia Castelao.
Por iso, o BNG non quere que o debate se centre no anuncio de peche do centro de saúde dos Tilos "que, evidentemente, dá servizo a unha ampla poboación que precisa ter atención sanitaria próxima" senón na necesidade de ter coñecemento do plan sanitario que a Xunta ten para o concello.
O BNG ten claro que neste momento é necesario planificar o futuro sanitario do concello e por iso esixe coñecer o proxecto e a dotación de carteira de servizos que se lle vai ofrecer á poboación teense xa que, "calquera construción dun centro novo ten que pasar pola implementación de novas categorías profesionais como persoal técnico de traballo social, hixienista dental e odontólogo, centro de fisioterapia, e incluso a dotación de Rx, para evitar na medida do posible , desprazamentos innecesarios á poboación e agardas de espera , na maioría dos casos inasumibles ,como no caso da rehabilitación.
Ademais, o grupo nacionalista apunta que é xa urxente coñecer a localización do futuro centro de saúde e, se finalmente é na parcela que o concello cede na Ramallosa adecuar e aumentar o transporte urbano, co fin de facilitar o acceso ás persoas usuarias.