Pedimos solucións para o problema das naves abandonadas de Cacheiras e para a estrada de Luou
Solución para os problemas xerados polas naves abandonadas e que se solicite á Deputación da Coruña a recuperación do nivel orixinal da estrada no lugar de Igrexa en Luou.
Manuel Anxo Fernández Baz, concelleiro do BNG en Teo, rexistrou no Concello dous rogos dirixidos ao Alcalde, no primeiro, que solicite á Xunta de Galiza, e ás administracións correspondentes, a adopción das medidas necesarias para rematar cos problemas que xeran as naves abandonadas da antiga fábrica de cepillos, tamén reclamamos do goberno municipal que no marco das súas competencias adopte as actuacións necesarias para o control do acceso á propiedade, así como a conservación das construcións e todas as medidas que dispón a lei en materia de urbanismo.
Estas naves, situadas na contorna da Urbanización Augas Mansas de Cacheiras están abandonadas dende hai máis dunha década e nun avanzado estado de ruína, non están debidamente pechadas e son usadas habitualmente como campo de xogo de paintball e mesmo como pista de carreiras de quads, a principios deste mesmo mes unha persoa subiu ata o cumio, tres andares, para voar un dron.
Asemade, o concelleiro do BNG, dándolle voz as demandas da veciñanza, rexistrou un rogo en relación á estrada provincial DP 0205 que vai desde Osebe á Ramallosa, que presenta unha serie de deficiencias e carencias que veñen sendo postas en evidencia polos veciños e veciñas, desde a necesidade de anchear treitos até outras moitas problemáticas, entre as que esta a ausencia de beiravías que permitan o desprazamento a pé con seguridade, e no lugar da Igrexa en Luou, ao longo do tempo viñéronse superpoñendo capas de asfalto no tramo que vai desde a Igrexa até o local da Asociación Cultural A Mámoa, aumentando o cambio de rasante existente, e provocando que a auga da choiva vaia directamente para as casas e locais que hai na beira máis baixa da estrada. A superposición de capas de asfalto é tan evidente que incluso sobarda o muro que se sitúa na beira das vivendas, e deixa parte do cruceiro, que marca o firme orixinario, por debaixo da estrada.
Porén, instamos ao alcalde de Teo a que solicite á Deputación da Coruña que realice todas as actuacións necesarias para rebaixar a estrada co propósito de rematar cos problemas que xera o estado actual do firme aos veciños e veciñas do lugar.
O Portavoz Municipal, tamén preguntou polo calendario previsto no concello para comezar coas rozas das cunetas, xa que en moitos puntos a maleza impide a correcta visibilidade nos cruces, e polas pingueiras que hai no edificio do ximnasio, no que se tiveron que poñer caldeiros nos pasillos e mesmo nalgunha sala de exercicio.