AUMENTA A ALTURA DA ESTRADA POÑENDO EN PERIGO DE INUNDACIÓN VARIAS FINCAS
O BNG de Teo denuncia o acondicionamento deficitario no lugar da Poboa
O BNG de Teo denuncia o acondicionamento deficitario que o goberno municipal está a realizar no lugar da Poboa, en Cacheiras.
A obra aumenta a altura da estrada poñendo en perigo de inundación varias fincas, creando pozas importantes diante de vivendas e deteriorando o firme.
O candidato á Alcaldía de Teo, Eloi Devesa Puente, reuníuse cos veciños e veciñas do lugar da Poboa (Cacheiras) para coñecer a evolución das obras de acondicionamento da estrada e a construcción dunha beirarrúa. Na xuntanza, promovida logo das denuncias remitidas pola veciñanza, puido coñecer de primeira man os problemas xerados pola mencionada obra.
A actuación realizada polo goberno municipal supón un aumento da altura da estrada, que xunto coa importante pendente pode levar ao asolagamento de vivendas, inundacións en varias fincas e o deterioro do firme. É evidente a falta de recollida de pluviais e canalizacións axeitadas que evacuen eficazmente o exceso de auga. Ademais, tamén se detecta unha canalización cara o esgoto que parece incumprir a normativa vixente.
O BNG levará ao pleno as reivindicacións dos veciños e veciñas, concretamente reclamará que se fagan as canalizacións necesarias para evitar os trastornos e posibles ilegalidades denunciadas.
Novamente, detéctase unha falta de sintonía do Goberno Municipal coa veciñanza e unha forma de actuar pouco recomendable, como é o tomar decisións sen contar coas persoas residentes na zona co fin de informar da obra e poder contar con eles para a realización dunha infraestrutura axeitada ás súas necesidades e evitar trastornos innecesarios.