Celebramos o éxito da ANPA dos Tilos na loita por manter o comedor e pedimos o cesamento da Concelleira
O Alcalde debe cesar á Concelleira de Educación e Cultura de Teo que foi incapaz de resolver este tema nestes sete meses.
Non fixo absolutamente nada en Educación e só está na concellería para asinar a parálise na cultura en Teo
O BNG parabeniza á ANPA do colexio dos Tilos pola consecución da rectificación por parte da Xunta de Galiza, que onte anunciou que asumirá o comedor do CEIP a partir do vindeiro curso escolar. A constancia e a afouteza da directiva da ANPA e dos seus asociados e asociadas foi chave na consecución desta emenda a unha decisión arbitraria e inxusta, e por tanto, do recoñecemento implícito deste erro por parte da Xunta.
O portavoz municipal, Manuel Barreiro, manifestou que “agora é o momento de que Concello dea un paso adiante asumindo o comedor estes meses que restan até o remate do presente curso escolar, como lle pedimos no pasado pleno, é urxente aliviar no posíbel a carga que significa para moitas familias a ausencia deste servizo e agora non hai escusa logo do anuncio da Xunta”. Barreiro tamén expresou que “agora que hai unha solución é o momento de depurar responsabilidades e responder polo dano innecesario causado ás familias que me consta, levan varios meses sometidas a moita presión e moito estrés por unha lea absurda entre administracións que están máis a facerse fotos que ao que teñen que estar, que é resolver os problemas dos e das Teenses. O Alcalde debería cesar á Concelleira de Educación e Cultura de Teo, Sra Mayte Argibay que foi incapaz de resolver este tema nestes sete meses. Non fixo absolutamente nada en Educación e só está na concellería para asinar a parálise na cultura en Teo”. Así mesmo, lembrou a “intranscendencia do Partido Popular de Teo que intentou desmobilizar á ANPA cando veu que non podía instrumentalizala, nin estivo cos pais e nais, nin estivo na oposición, simplemente desapareceu” e continuou “o que demostra que só están para dicirlle amén á Xunta, nin saben que facer, nin teñen proxecto para este concello máis que o regreso aos tempos de pelotazos urbanísticos e caciquismo”.