Concentración en Cacheiras para reclamar máis recursos para a sanidade pública e que se active a atención primaria presencial
Fixemos unha concentración, diante do centro de saúde de Cacheiras, para reclamar máis recursos para a sanidade pública e que se active a atención primaria presencial.
O Responsábel local, Manuel Barreiro, destacou que “anos de recortes do PP están rematando co noso sistema de saúde, é tan feble en medios materiais e humanos que nesta situación de pandemia está permanentemente ao límite e isto provoca unha diminución evidente nos dereitos das persoas doentes”. A concelleira Carme Diéguez pola súa banda trasladou “a preocupación de parte da veciñanza pola escaseza de doses de vacina da gripe para persoas de risco pola falta de previsión da Xunta de Galicia”.
Expresamos a nosa solidariedade co persoal dos centros de Saúde de Teo e lembramos que xa tivemos que denunciar a falta de médicos no Centro de Saúde dos Tilos, que non se cubrían as ausencias das prazas por permisos ou vacacións sobrecargando os cupos dos restantes facultativos ou mesmo que as embarazadas tiñan as aulas preparto na entrada do centro de Saúde de Calo.
Dende o BNG reclamamos ao goberno galego que deixe de recortar e que doten á atención primaria de persoal e dos medios materiais que se precisan para atender correctamente e garantir todos os dereitos dos veciños e veciñas.