Falta de planificación nas obras do Concello
A días do inicio do curso escolar, o goberno municipal decide iniciar as obras diante do CEIP de Calo xerando problemas para a circulación dos vehículos que teñen que transitar pola rúa que pasa por diante do colexio, e máis aínda tendo en conta que desde o 1 de setembro celébrase o Diverteo no recinto do CEIP sendo ese o único acceso habilitado para deixar ás nenas e aos nenos.
Ademais, calquera que circule pola rúa que transita por diante do CEIP atópase cun problema ao non dispoñer da sinalización necesaria para advertir das obras e da posibilidade de ter a estrada cortada. Chama a atención que, aínda no caso de ter que facer a obra en setembro por falta de previsión, non se buscara unha solución temporal falando co centro para habilitar outro acceso ao colexio.
Somos conscientes que a obra no recinto do CEIP é responsabilidade da Consellería en tanto que dela depende a autorización, mais nos espazos exteriores é reponsabilidade do Concello polo que a obra debería estar rematada antes do 31 de agosto, polo tanto non nos parece de recibo esta forma de actuar.
En definitiva, unha vez máis o BNG denuncia a deixadez na planificación e na execución das obras do Concello.