Seguimos sen un imprescindíbel plan de seguridade viaria

29-sep-2017_PLENO__3S7

Este aumento de recursos é consecuencia da estratexia do BNG de baleirar de contido a Deputación transferindo aos concellos todos os recursos posíbeis para así mellorar a atención aos veciños e veciñas desde a administración máis próxima.

Seguimos sen un imprescindíbel plan de seguridade viaria

O goberno municipal (Son de Teo-Anova + PSOE) convocou un Pleno extraordinario con carácter de urxencia, motivando a premura, en palabras da concelleira de urbanismo, nos problemas para elaborar os proxectos, para aprobar as obras incluídas no POS+2018 da Deputación da Coruña que ascende a 1,2 millóns de euros, ao que se engade a aportación municipal.

O portavoz do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz, recibiu por parte do goberno municipal un total de trece proxectos de obras que trasladou ao Consello local para a súa valoración. Tendo en conta que Teo ten moitas necesidades que atender, e nomeadamente en materia de servizos básicos, a valoración xeral é positiva, pois inclúense propostas que levan sendo reclamadas desde hai anos por parte da veciñanza, algunhas das cales foron trasladadas polo voceiro do BNG ao goberno municipal.

Desde o Bloque destácase que en Teo seguimos sen un imprescindíbel plan de seguridade viaria, pero ponse en valor a construción de beirarrúas e espazos para os peóns para as que se dedican máis de tres de cada dez euros do total. Entre as propostas están as sendas peonís de A Ribeira a Raxó en Cacheiras, de Vilanova a Tarrío en Recesende e da Pedra á AC-841. Iso si, tal e como destacou Fernández Baz, “agardamos que para a construción das novas sendas, ou beirarrúas, se teña aprendido dos erros cometidos nos últimos anos, nomeadamente no que ten a ver co anchura, a proximidade aos valos ou cos obstáculos como os postes.” E engadiu que “a construción de sendas e beirarrúas é un avance para reducir os moitos problemas xerados polas dificultades para o desprazamento a pé das veciñas e veciños de Teo, para a humanización do concello en definitiva.”

Outras actuacións previstas refírense ao acondicionamento de viarios en Chaves, Fontenlo, na Torre, da Grela a Loureiro, e en Noceda, así como a reurbanización do núcleo da Silva.

E finalmente, inclúense outras propostas que afectan a infraestruturas municipais como a reforma e climatización do Auditorio Constante Liste ou a ampliación do Punto Limpo, así como o cambio do sistema de rego e a substitución do céspede do campo de fútbol de Calo.

O BNG de Teo destaca a importancia dos recursos asignados pola Deputación que ascenden a 1,2 millóns de euros neste plan, e que seguramente vai ampliarse ao longo do vindeiro ano, sendo, en todo caso, a cantidade máis elevada recibida por Teo nun plan deste tipo. Unha cantidade importante de recursos que sen dúbida facilitan a labor de goberno e que, en función da xestión dos mesmos, deberían mellorar o servizo aos veciños e veciñas de Teo.

Este aumento de recursos é consecuencia da estratexia do BNG de baleirar de contido a Deputación transferindo aos concellos todos os recursos posíbeis para así mellorar a atención aos veciños e veciñas desde a administración máis próxima.

En definitiva, o BNG de Teo critica a actuación do goberno municipal en tanto que se teñan que aprobar os proxectos nun pleno convocado de urxencia, sen as comisións informativas correspondentes e sen tempo para analizar os proxectos, nomeadamente cando falamos da maior parte das inversións municipais para 2018; e tamén denuncia que Anova e PSOE deixaron de lado unha práctica participativa histórica no noso concello como era a de convocar á oposición a unha reunión ou xunta de portavoces para falar das propostas e para propoñer actuacións; mais en todo caso, e dito todo isto, valora positivamente que se atendan algunhas demandas e necesidades dos veciños e veciñas, aínda que tamén queden moitas sen atender. 

Seguimos sen un imprescindíbel plan de seguridade viaria