DENUNCIAMOS O GASTO SUPERFLUO EN CONTRATAR UNHA EMPRESA EN LUGAR DE FACELO O PROPIO CONCELLO
O goberno Son de Teo-Psoe privatiza a participación veciñal
Denunciamos a decisión do goberno municipal de Marea-Psoe de Teo de externalizar a participación veciñal ao contratar unha empresa para poñer en marcha os órganos de participación cidadá, xenerando un gasto superfluo cando ben o pode facer o goberno local.
En 2017 o Pleno de Teo aprobou por unanimidade o Regulamento de Participación Cidadá no que se contempla a creación de órganos de participación, entre os que están os consellos parroquiais. Para a posta en marcha destes organismos democráticos, cos que concorda o BNG e nos que vai nomear representantes como lle corresponde en base ao Regulamento aprobado, o goberno municipal decide renunciar ao que debería ser o mecanismo normal de actuación: encargarse o alcalde de botala a andar, e en cambio contratar a unha empresa que se encarga de contactos e de constituír o organismo.
Manuel Anxo Fernández Baz, portavoz municipal do BNG, manifestou que “isto supón a externalización da democracia, e que debería ser o alcalde ou o concelleiro delegado de participación cidadá o encargado de organizar a posta en funcionamento dos consellos e dos outros organismos previstos”.
Así mesmo, reafirmou que “o alcalde é o representante máximo dos veciños e veciñas de Teo e debe asumir esa función, e máis aínda cando está á fronte dun goberno con seis concelleiros e concelleiras que teñen salario do Concello entre os que está o concelleiro de participación cidadá.” Fernández Baz conclueu dicindo que “a externalización destes traballos supón un custe engadido para o Concello ao ter que pagarlle á empresa por unha función que debería desenvolver o alcalde ou o concelleiro de turno, e ademais por un traballo que lexitimamente correspóndelle aos representantes dos veciños e veciñas de Teo elixidos nas eleccións municipais.”