Olalla Rodil e Fernández Baz apoian á comunidade educativa de Teo

DSC02475
No CEIP da Ramallosa

A viceportavoz e deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Olalla Rodil, e o portavoz municipal do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz, visitaron os centros de ensino da Ramallosa e de Calo este venres acompañadas por representantes da ANPA de ambos centros

Olalla Rodil e Fernández Baz apoian á comunidade educativa de Teo

A viceportavoz e deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Olalla Rodil, e o portavoz municipal do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz, visitaron os centros de ensino da Ramallosa e de Calo este venres acompañadas por representantes da ANPA de ambos centros no marco das reclamacións que se levan realizando a respecto da situación e das deficiencias dos centros, e das condicións nas que está o alumnado dos colexios.

O martes pasado o conselleiro de educación da Xunta de Galiza visitaba o CEIP da Ramallosa acompañado por altos cargos da Xunta e polo portavoz municipal do PP, e aproveitou para falar de anuncios que serán executados nun ano electoral como é 2019. Unha visita que provocou a reacción da comunidade educativa, e nomeadamente das anpas, a da Ramallosa para reclamar actuacións no centro que son históricas e a de Calo para denunciar a discriminación da escola. A Consellería non considerou necesarias moitas destas demandas das ANPAs e non as atenderá, a pesar das eivas importantes que lle foron comunicadas.

O portavoz municipal do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz, resaltaba que “resulta curioso que agora o PP considere importante facer inversións nos centros de ensino de Teo, cando en decembro de 2017 rexeitou no Parlamento de Galiza as emendas do BNG que comprometían actuacións urxentes nos colexios para 2018”. E preguntouse se “foi necesario que unha nai saise nun medio de comunicación denunciando que o alumnado de infantil teña que correr na aula para quecer o frío”. Algo que por certo terán que seguir facendo por decisión do PP.

Por todo isto, Olalla Rodil reclamoulle ao conselleiro “seriedade no cumprimento das promesas e nomeadamente cando se trata de cuestións tan necesarias, demandadas desde hai anos pola comunidade educativa e consecuencia dos recortes da Xunta de Galiza en materia educativa.”

A deputada do BNG, Olalla Rodil, e Fernández Baz constataron na visita as deficiencias e os problemas das escolas e amosaron o apoio ás demandas das anpas dos dous colexios, en consonancia coa política desenvolta polo BNG no Parlamento galego de compromiso coa educación pública galega e no Concello con diferentes iniciativas de apoio á comunidade educativa.

O portavoz municipal do BNG aproveitou a visita ao CEIP da Ramallosa para interesarse pola opinión do conselleiro a respecto da instalación dunha gasolineira á beira do colexio, sen ter unha resposta clara como resultado de antepoñer os intereses particulares aos da comunidade educativa. Neste sentido, Fernández Baz, reclamou a vixencia da moción aprobada no Concello de Teo na que se acordou instar á Xunta a modificar a normativa para impedir a instalación de gasolineiras á beira dos centros de ensino, educativos, deportivos e sociosanitarios, e instou ao goberno municipal a cumprila. 

Olalla Rodil e Fernández Baz apoian á comunidade educativa de Teo