Presentamos tres enmendas aos orzamentos da Xunta
Un centro de día, rematar a parcelaria e o plan de seguridade viaria e humanización da AC-841 foron as emendas do BNG de Teo aos orzamentos da Xunta para 2021
Todas as emendas parciais presentadas polo BNG de Teo aos orzamentos da Xunta para 2021 foron rexeitadas no Parlamento galego polo Partido Popular que segue a darlle as costas á veciñanza.
As emendas propostas son as seguintes:
-Construción dun centro de día. É unha das principais demandas en Teo polas necesidades de atención e de conciliación e porque o centro público de referencia está en Urdilde.
-Cumprir o acordo unánime no Parlamento galego a iniciativa do BNG para rematar a parcelaria nas parroquias de Lampai, Luou, Rarís, Lucí, Oza, Teo, Bamonde e Vilariño.
-Incrementar a seguridade viaria e as medidas de humanización da AC-841 desde Cacheiras até Pontevea, unha estrada autonómica que en Teo é unha travesía urbana.
O portavoz municipal do BNG, Manuel Barreiro, reclámalle ao PP “que deixe de discriminar ao noso concello e cumpra os acordos parlamentares, as nosas propostas son necesidades veciñais, levamos dende 2009 pedindo o centro de día que Feijóo quitou á veciñanza de Teo cando xa estaba para iniciar o proceso de licitación. Rematar a concentración parcelaria forma parte dun acordo adoptado por unanimidade no Parlamento galego hai dous anos, a iniciativa do BNG”, e engadiu, “a respecto da humanización da AC-841, calquera que teña que transitar por ela dáse conta que require unha actuación que incida na seguridade e na humanización da vía”.
Finalmente Barreiro reclamou investimentos para un concello que limita coa capital do país e ten case 20 000 habitantes que é permanentemente mangoneado polo Partido Popular, veñen facer fotos na Pontevea e pedir o voto, nada máis.
En definitiva, o BNG de Teo non deixará de pedir as melloras e investimentos que exixe a cidadanía de Teo.