O BNG RECLAMA DIÁLOGO E RESPECTO POLOS DEREITOS LABORAIS
Traballadores e traballadoras do concello denuncian a vulneración de dereitos laborais por parte do goberno municipal
o goberno do señor Sisto e da señora Lemus vulneraron unha vez máis o compromiso de diálogo e negociación cos traballadores e traballadoras municipais, ao nin tan sequera informalos do seu propósito de convocar seis novas prazas para completar o cadro de persoal municipal.
O pasado mes de xaneiro o goberno municipal de Teo, conformado pola Marea (Son de Teo+Anova) e o PSOE, facía público a través do Informateo a convocatoria de emprego público para este ano 2018. Diante deste anuncio os traballadores e traballadoras do Concello manifestaron a súa sorpresa en tanto coñecían polo Informateo a oferta de emprego que nin tan sequera fora a unha mesa de negociación sindical tal e como establece o Estatuto Básico do Empregado Público e o Convenio colectivo e o Acordo regulador do Concello de Teo.
Así pois, o goberno do señor Sisto e da señora Lemus vulneraron unha vez máis o compromiso de diálogo e negociación cos traballadores e traballadoras municipais, ao nin tan sequera informalos do seu propósito de convocar seis novas prazas para completar o cadro de persoal municipal.
Diante disto, o portavoz municipal do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz, manifestou que “unha vez máis a Marea e o PSOE incumpren aquelas promesas de afondar na transparencia e no diálogo e incluso faltan ao respecto aos representantes dos traballadores/as actuando en base a unha política de feitos consumados”, en tanto que “reuniron a mesa de negociación a proposta dun sindicato que a reclamou diante das informacións publicadas, e cando xa tiñan elaboradas as bases específicas de cada posto.” Diante destes feitos que para Fernández Baz son “inauditos”, o concelleiro nacionalista reclamou “a necesidade de recuperar o diálogo e a vía da negociación para aplicar o contido do Acordo regulador e do Convenio colectivo de Teo aprobados en 2010 polo goberno do BNG e cumprir o compromiso de promover a carreira profesional dos traballadores municipais que levan anos agardando pola convocatoria das prazas de promoción interna.” E neste sentido Baz engadíu que “hai conflictos abertos neste momento como consecuencia de reclamacións de empregadas/os públicos cuios dereitos non se están respectando e que poden xenerar custes para o Concello.”
E finalmente, Fernández Baz, reclamoulle “sentido común ao alcalde”, así como que “aposte pola vía do diálogo para resolver os moitos problemas que se foron producindo cos traballadores e traballadoras municipais, sendo o caso da policía local un dos máis graves, porque quen sofre as consecuencias destas problemáticas son as veciñas e veciños de Teo.”