Veciñanza de Recesende reclama a Concello e Xunta non ser discriminados no transporte público
Fernández Baz pídelle ao goberno municipal que atenda a demanda veciñal
Veciñas e veciños de Recesende acaban de coñecer a noticia de que se está deseñando unha nova liña de transporte público de carácter circular que comunica Santiago e Milladoiro con Teo, e concretamente coas parroquias de Calo, Luou, Cacheiras e Os Tilos, e diante disto reclaman que tanto Concello como Xunta non discrimen unha vez máis a Recesende.
As veciñas e veciños de Recesende levan máis de vinte anos demandando que se teña en conta a parroquia para as liñas de transporte público, porque malia estar á beira de Cacheiras e de urbanizacións como Augas Mansas carece dunha conexión coas rutas existentes. A veciñanza considera que a nova que aparece nos xornais sobre a nova liña circular abre unha nova oportunidade para a parroquia, e por iso reclámanlle ao Concello e á Xunta que sexan sensibles con esta demanda histórica.
O portavoz municipal do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz, coñeceu a reclamación veciñal que considera que “é moi xusta, e ademais levan moitos anos demandando un servizo que non se atende, e máis aínda tendo en conta a ubicación de Recesende”. Ademais, Fernández Baz, subliñou que “tal e como se fixo pública a nova liña circular vai pasar por Calo, Luou, Cacheiras e Os Tilos, así pois Recesende podería incluírse na nova ruta sen ter un impacto significativo na duración do servizo.”