ESTE NON É UN CASO ILLADO SENÓN QUE É, POR DESGRAZA, COMÚN EN TODO O CONCELLO.
Veciños e veciñas de Cesar (Calo) reclaman o arranxo das pistas
O grupo municipal do BNG achegouse ao lugar para comprobar o deterioro das pistas diante da pasividade do goberno municipal
Os veciños e veciñas de Cesar (Calo), veñen denunciando dende hai tempo o deterioro das pistas interiores do lugar que esta inzada de fochancas e de pedras de gran tamaño que se van desprendendo do firme. Isto, loxicamente, xera molestias para a veciñanza e prexuízos para os vehículos, sendo pois un grave problema para a seguridade viaria. O grupo municipal do BNG, achegouse esta semana a Cesar para falar con veciños e veciñas e comprobar en persoa o pésimo estado da estrada.
Este non é un caso illado senón que é, por desgraza, común en todo o concello. O deterioro das pistas e estradas de Teo é unha das queixas máis recorrentes dos veciños e veciñas que aseguran que a situación, que xa era mala, empeorou nos últimos dous anos.
Manuel Barreiro, Responsábel local do BNG, insta á concelleira de Urbanismo a facer todo o posíbel para mellorar esta situación de desleixo e repoñer o firme onde fora preciso antes de que chegue o inverno que aínda aumentará o deterioro e, por ende, a inconveniencia para todos os habitantes de Teo. Así mesmo comprometeuse a seguir reclamando o arranxo da vía, así como as actuacións precisas para solucionar os problemas de seguridade viaria no concello.