O BNG DE TEO PRESENTA CATRO MOCIÓNS PARA O PLENO MUNICIPAL DE NOVEMBRO

Resumo de mocións novembro 2022

Resumo de mocións novembro 2022

   O BNG de Teo presenta 4 mocións para o pleno municipal de novembro

   Teo, 18 de novembro de 2022.

   O BNG de Teo presenta 4 mocións para debater no pleno municipal do mes de novembro, que se celebrará o mércores 30 ás 20:00 horas.

   Unha das mocións presentadas é referente á reapertura da pirotecnia de Solláns. Nela pedimos á Corporación Municipal que exprese o seu apoio ás demandas e reclamacións da veciñanza de Solláns para rexeitar a instalación dunha nova pirotecnia. Ademais, demandamos a denegación da autorización para o establecemento do taller e esiximos á Subdelegación do Goberno na Coruña que faga as comprobacións materiais precisas de forma directa para verificar os datos achegados pola empresa. 


   Outra das mocións presentadas é relativa á retirada da simboloxía franquista dos espazos públicos. Propoñemos ao goberno municipal, en cumprimento da lexislación vixente, que proceda á retirada desta simboloxía localizada en espazos da súa competencia, que inste a quen corresponda a facelo nos da súa, e que active a actualización dun inventario sobre a simboloxía franquista aínda presente no concello, co obxectivo da súa posterior retirada. 


   A seguinte moción é referente á toma de medidas para o fomento do sistema do transporte público por estrada. Propoñemos, para cubrir as necesidades reais da sociedade, instar ao goberno galego a fomentar o uso do transporte público por estrada aplicando medidas como: reforzo de itinerarios, horarios e paradas; instauración dunha tarifa plana para usuarios recorrentes e bonificacións aplicando criterios sociais; posta en marcha de bonificacións para a mocidade e para as persoas que excedan a idade máxima da Tarxeta Xente Nova; gratuidade das autovías dependentes da Xunta de Galiza; ou reforzo no control e inspección, a todos os niveis, no cumprimento dos contratos asinados coas empresas concesionarias.


   Finalmente, a última moción é de apoio ás traballadoras do Servizo de Axuda do Fogar (SAF). Suxerimos ao Pleno do Concello de Teo que amose o seu total apoio ás traballadoras nas súas reivindicacións laborais por un convenio digno e que inste á Xunta a asumir as súas responsabilidades e a mediar na busca dunha solución para os graves problemas salariais e laborais que afectan ao colectivo de traballadoras.

Resumo de mocións novembro 2022