O BNG DE TEO PRESENTA DUAS MOCIÓNS PARA O PLENO MUNICIPAL DE XANEIRO

resumo das mocións de xaneiro 2023

resumo das mocións de xaneiro 2023

O BNG de Teo presenta dúas mocións para debater no pleno municipal do mes de xaneiro, que se celebrará o mércores 25 ás 20:00 horas.


A primeira das mocións é relativa á mellora da accesibilidade e conectividade das paradas de autobús situadas na RAEG na zona sur da ATM de Santiago. Dende o BNG concordamos con todas as medidas que incidan positivamente na seguridade viaria e que fomenten o transporte público. Entendemos que sería beneficioso que as obras de mellora de seguridade viaria realizadas no seu día tiveran en conta as medidas que se están a propoñer agora. Como non foi así, atopámonos co descontento da veciñanza afectada. Ademais, tras reunirnos coa Asociación de Empresarios de Teo, encontrámonos unha situación de preocupación ante a falta de aparcamento en determinadas zonas que se ven afectadas polo trazado. 


É por isto que, para minimizar o impacto negativo dos veciños e veciñas e do comercio local, instamos ao Concello a que realice os informes técnicos e presente as alegacións oportunas para resolver as intervencións controvertidas coa participación das persoas afectadas; a que realicen as xestións precisas para habilitar estacionamentos próximos; e a que axilicen todo o posible estes trámites tendo en conta que o prazo de alegacións é de 30 días hábiles a partir do día seguinte da publicación do anuncio, que foi o 02/01/2023.  


Alén disto, a segunda moción presentada é relativa á dotación de fondos da Xunta de Galiza en relación coas axudas á produción ecolóxica que cumpran co requisito da convocatoria para a campaña do 2022 e para o período 2023-2027 dentro do apartado de desenvolvemento rural da PAC. Dende o BNG levamos esta moción ao Pleno propoñendo a adopción dun acordo no cal instamos ao Goberno da Xunta a completar con fondos propios a cantidade orzada para dar cobertura ás axudas que no ano 2022 non se puideron cubrir por falta de fondos da UE; a fornecer economicamente o orzamento destinado para as axudas ás producións ecolóxicas para cada ano do vindeiro período 2023-2027; e a darlle publicidade e transparencia ás decisións adoptadas para coñecemento das e dos produtores. 

resumo das mocións de xaneiro 2023