Ana Pontón e Néstor Rego participan nun acto de precampaña no Auditorio Constante Liste da Ramallosa

2019101723044531168
Nestor Rego, Candidato ao Congreso dos Deputados pola Coruña, comprometeuse a reclamar a modificación da normativa estatal,  “porque é un coladoiro para converter en vertedoiros espazos mineiros como Casalonga, co disfrace de plans de restauración". 
Ana Pontón e Néstor Rego participan nun acto de precampaña no Auditorio Constante Liste da Ramallosa

A portavoz nacional, Ana Pontón, salientou no mitin en Teo que comprendía “o cabreo” da cidadanía ante “o frívolo espectáculo” das forzas estatais cuxa inutilidade provocou a repetición electoral, e insta a converter o 10N nunha oportunidade para “facer valer” Galiza no Congreso.

Neste sentido, Pontón instou a canalizar esa indignación respondendo nas urnas aos que puxeron por diante “as súas liortas e os seus intereses partidistas”. “Non é o momento da abstención senón da participación, o momento de facer algo diferente apostando polo Bloque. Toda as persoas que queren que Galiza recupere o peso político que lle corresponde, saben que van poder contar cos deputados e deputados do BNG, nós non lles imos fallar”, recalcou.

A líder nacionalista, por contra, criticou o “triste” papel dos 23 deputados e deputadas electas por este país, do que se esquecen ao día seguinte das votacións, “entregados como están, os da vella política e os da nova, a facer seguidismo do que manden desde as direccións madrileñas dos seus partidos. Serven a esas cúpulas madrileñas, pero son totalmente inútiles cando se trata de defender os intereses dos e das galegas”.

Recalcou que fai seis meses o Bloque quedou ás portas de volver á Cámara baixa, “pero desta vai”, subliñou, convencida de que hoxe son moitas máis as persoas que, votasen o que votasen o 28A, “teñen claro que Galiza perde se o BNG non está no Congreso, teñen claro que o que precisa este país para ter futuro é menos Madrid e máis Galiza”.

Por iso, fronte á discriminación e o agravio do bipartidismo PP-PSOE, cos partidos complementarios a dereita e esquerda, o mellor antídoto “é contar en Madrid cunha forza coas mans libres que non se prega as ordes nin de Génova nin de Ferraz, que non lle ten que pedir permiso a ninguén para defender a xente deste país”.

Hai que “pelexar polo noso” como fan vascos, cataláns, canarias, valencianas, até os cántabros. “Nin PP, nin PSOE nin Podemos, -como comprobamos cando pactaron con Sánchez os peores orzamentos do Estado para este país en vinte anos-, defenden este país. O problema non é  só que decidan por nós, e que deciden contra nós”, e iso é o que vai cambiar a partir do 10N co BNG no Congreso, concluíu.

O candidato ao Congreso pola provincia da Coruña, Nestor Rego, insistiu en que "este é o momento" para que o Bloque volva ser a voz de Galiza en Madrid que tanto se botou en falta nestes catro anos e medio.

"A experiencia demostrou que as forzas estatais non defenden os intereses do país e as contas están claras: cando o BNG tivo oportunidade de ser decisivo con dous deputados, Galiza recibiu máis de 2.000 M€ en investimentos, dez anos despois, os votos de PSOE e Podemos recortaron até os 700, menos da metade. Vale ou non a presenza do BNG en Madrid?", interpelou.

Mudar a lei para salvagardar Casalonga

Na súa intervención, asegurou que os feitos demostran que o BNG "é a única garantía de que os problemas deste país entren no debate político do Congreso porque somos unha forza soberana que non se somete a ninguén, senón que actúa só por defender os intereses das galegas e galegos".   A presenza do BNG en Madrid faise aínda máis urxente, dixo Rego, “nesta situación de emerxencia social, cun proceso acelerado de desmantelamento industrial, perda de milleiros de postos de traballo, abandono dos sectores produtivos e un incremento da emigración, en especial, das novas xeracións".

Tamén fixo fincapé no compromiso de dar visibilidade ás cuestións clave de Galiza na Cámara baixa, onde se comprometeu a reclamar a modificación da normativa estatal,  “porque é un coladoiro para converter en vertedoiros espazos mineiros como Casalonga, co disfrace de plans de restauración". 

A formación nacionalista defendeu en numerosas ocasións ese cambio de normativa para impedir que Casalonga se converta nun vertedoiro co depósito de inertes agora permitido, e asegurou que desde o Congreso esixirá “que se pechen as portas legais a unha posibilidade que vai contra os dereitos, a saúde e o benestar da veciñanza".

Ana Pontón e Néstor Rego participan nun acto de precampaña no Auditorio Constante Liste da Ramallosa