O BNG denuncia o uso partidista do voceiro municipal InformaTeo
Anova e PSOE utilizan os recursos públicos para o proveito propio e o autobombo.
O BNG de Teo denuncia a utilización partidista da publicación municipal InformaTeo. O goberno de PSOE e Anova adica o último número a facer propaganda como se estivesen en campaña electoral cos recursos públicos do Concello, manifestou o portavoz municipal do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz.
O portavoz municipal indica que esta publicación está costeada polo Concello e consecuentemente paga toda a veciñanza de Teo e ten unha tirada de 7.500 exemplares que se distribúen polo concello. En principio está feita para informar, mais agora é un boletín de propaganda de Anova e PSOE, o que implica unha fraude política. O diñeiro que custa debe ser adicado a atender necesidades da xente de Teo.
Por outra parte, o BNG manifesta que Anova e PSOE utilizan esta publicación para o autobombo e lavar a cara, logo dos continuos desatinos como a suba dos impostos municipais como a contribución, así como das liortas no goberno municipal, no que o quen é quen mudou desde as eleccións municipais despois do cese fulminante da tenente de alcalde como consecuencia dos enfrontamentos no executivo local. Converten o InformaTeo nun voceiro partidista e sectario, un panexírico do goberno municipal fronte a verborrea de proclamar aos catro ventos unha nova política mentres poñen na práctica a máis vella das políticas, a da manipulación e destrago dos fondos públicos.