A RECLAMACIÓN ESTÁ AVALADA POR CINCO SENTENZAS DO TRIBUNAL SUPREMO E SUPORÍA INGRESOS NECESARIOS PARA MELLORAR SERVIZOS PÚBLICOS.
O BNG leva ao Pleno Municipal a necesidade de reclamar as taxas legais a Unión Fenosa, Gas Galicia e Red Eléctrica.
O BNG leva ao Pleno municipal a necesidade de reclamar as taxas legais a Unión Fenosa, Gas Galicia e Red Eléctrica.
A reclamación está avalada por cinco sentenzas do Tribunal Supremo e suporía ingresos necesarios para mellorar servizos públicos.
Iniciar os trámites para que as empresas titulares de instalacións e transporte de enerxía eléctrica, gas ou hidrocarburos en Teo fagan efectiva a taxa pola utilización ou aproveitamento do dominio público, defende o BNG en Moción rexistrada para o seu debate no próximo Pleno da Corporación.
"Coa súa negativa a pagar as taxas legais, estas empresas negan recursos lexítimos ás entidades locais necesarios para poder afortalar os servizos locais.", afirma Manuel Anxo Fernandez Baz, portavoz municipal do BNG de Teo, que apoia a súa reclamación en cinco sentenzas do Tribunal Supremo contrarias ás pretensións de Unión Fenosa, Gas Galicia e Red Eléctrica de ficaren exentas do imposto.
A cota a pagar sitúase entre 3.000 euros e 12.000 euros por metro lineal no caso das instalacións de transporte eléctrico, segundo o tipo de tensión -baixa, media ou alta-, e no que atinxe ás de transporte de gas, oscila entre os 500 euros e os 4.000 euros.
A Lei Reguladora das Facendas Locais estabeleceu en 2004 que as empresas eléctricas, de gas, de auga e hidrocarburos están obrigadas a pagar unha taxa fixada por un informe técnico-económico por atravesar o dominio público local, aínda que non os subministren. Malia esa habilitación legal, e unha vez se aprobaron ordenanzas reguladoras para fixar esa obriga de xeito concreto, as empresas non aboaron nunca dita taxa, amosando belixerancia e conflitividade xudicial contra as entidades locais que a impulsaron, negando uns recursos lexítimos ás entidades locais necesarios para poder afortalar os servizos locais.
"Unha vez resolta a controversia xudicial a prol dos concellos, cómpre iniciar os procesos e trámites necesarios para poder facer efectiva a taxa pola utilización ou aproveitamento do dominio público local polas empresas titulares de instalacións de transporte de enerxía eléctrica, gas ou hidrocarburos en Teo", conclúe o portavoz do BNG no seu escrito.