COINCIDINDO CO 180 ANIVERSARIO DO SEU NACEMENTO
O BNG presenta unha moción para promover a obra e o compromiso de Rosalía de Castro
Manuel Anxo Fernández Baz, representante do Bloque Nacionalista Galego no concello de Teo, rexistrou unha moción para o seu debate en Pleno en que propón diversas medidas para promover o coñecemento da obra e o compromiso de Rosalía de Castro coincidindo co 180 aniversario do seu nacemento.
O 24 de febreiro, argumenta o concelleiro do BNG, é unha ocasión inmellorábel para difundir a obra e o pensamento de quen non dubidou en exhibir o orgullo de quen somos, reclamar o recoñecemento da nosa lingua como expresión xenuína do pobo galego, mostrar a valentía de denunciar as discriminación das mulleres e apostar por unha sociedade libre e igualitaria.
Seguindo as directrices dunha convocatoria xa consolidada pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega /AELG), o concelleiro propón ao Pleno que, após declarar o 24 de febreiro Día de Rosalía, inste ao goberno municipal a realizar actividades de promoción da súa obra que impliquen ás veciñas e os veciños de Teo, moi especialmente o alumnado dos diversos centros escolares.
Entre as propostas de Fernandez Baz figuran actividades promovidas polo concello (lecturas públicas, visibilización dos textos rosalianos en espazos municipais, actividades artísticas, etc.) xunto con outras de apoio ás iniciativas de mobilización en favor da língua e da activación de políticas linguísticas que garantan o seu uso en todos os ámbitos.