Rexistramos a solicitude dun paso de peóns na estrada CP-8202 no cruce coa Travesía de Cacheiras
O BNG rexistrou onte, na sede electrónica da Deputación da Coruña, o escrito de petición do paso de peóns na estrada CP-8202 na altura do cruce coa Travesía de Cacheiras.
O grupo municipal do BNG na liña de traballo que ven desenvolvendo historicamente a prol de incrementar a seguridade viaria, solicitou en repetidas ocasións no pleno do Concello que se instara á Deputación –titular da vía– a sinalizar o paso de peóns neste punto xa que é unha zona de moito tránsito de vehículos e peóns. O goberno municipal respondeu que estaba previsto nas obras planificadas dende hai dous anos para a vía e que non se podía facer nada ao respecto até a execución das devanditas obras.
O portavoz municipal, Manuel Barreiro, rexistrou onte a petición por escrito e agarda que en breve se teña unha solución satisfactoria a un grave problema de seguridade viaria que o goberno municipal non semella ter presa en arranxar. Así mesmo, lembra que os veciños e veciñas poden rexistrar peticións a título individual e convida, por tanto, a facelo.