Expresamos a nosa fonda preocupación polo proxecto de instalación dunha planta de residuos na Casalonga
Apoiamos a creación dunha plataforma veciñal como reacción ao anuncio do goberno municipal
O pasado 15 de maio o goberno municipal de Teo (SondeTeo/Anova e PSOE) convocou aos veciños e veciñas da Casalonga a unha reunión na que anunciou que se pretende instalar unha planta de reciclaxe de residuos animais, lodos de depuradoras e cetáreas e outros residuos na antiga canteira de Camilo Carballal. Diante deste anuncio os e as asistentes, que superaban o centenar, amosaron a súa preocupación e indignación polas consecuencias que pode ter unha instalación deste tipo.
O portavoz municipal e o responsábel local do BNG así como militantes da parroquia de Calo asistiron á reunión para informarse porque desde o goberno municipal en ningún momento convocaron aos grupos políticos sobre este tema, malia súa relevancia social e ambiental.
Diante do anuncio do executivo local, o BNG amosa a súa preocupación polo impacto ambiental e social que pode ter a instalación dunha planta deste tipo na Casalonga. E polo tanto apoia a reclamación veciñal para que se lles teña en conta e se reconsidere esta decisión.
Así pois, o BNG apoia a plataforma veciñal que ven de crearse para reclamar que non se permita este tipo de instalación.
Temos que ter en conta que Teo é un concello residencial con pouco tecido industrial polo que consideramos que non é o lugar para unha instalación destas características, que pode ter un impacto de terribles consecuencias para o entorno próximo, pois hai nucleos urbanos a catrocentos metros, e que, tal e como anunciaron a concelleira de urbanismo e o alcalde, producirá malos olores e un elevado incremento do tráfico pesado, que tería, por tanto, un gran impacto negativo na calidade de vida da veciñanza. Ademais, e sempre en base ao informado polo goberno municipal, esta instalación só xeneraría 7 postos de traballo.
Diante desta situación, o portavoz do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz, insta á Xunta de Galiza a “rexeitar a instalación desta planta e ao goberno municipal de Teo a traballar para activar todas as actuacións que sexan posíbeis para evitar a instalación desta industria contaminante e potencialmente perigosa.