Denunciamos que as novas beiravías son auténticas selvas impracticabeis
Dado o estado de abandono das novas beiravías, demandamos unha actuación urxente de limpeza e a amplicación das beiravías, así como que as novas sendas en construción, ou en proxecto, se fagan atendendo á problemática que quedou en evidencia coas xa construídas.
O portavoz municipal, Manuel Anxo Fernández Baz, suxírelle ao goberno municipal que aprenda dos erros, porque rectificar é de sabios, e engade que é mellor facer menos pero mellor, porque de nada vale facer moito se ao final estanse a crear novos problemas para os veciños e as veciñas.
Fernández Baz relata que diante da mobilización do BNG facéndose eco das demandas veciñais, o goberno municipal decidiu dar unha resposta e optou por deseñar e executar o que chamaron sendas peonís, que na práctica acabaron sendo beiravías cutres. O nacionalista expón que por un lado, son moi estreitas, o que dificulta o paso de máis dunha persoa, e máis aínda se esta se despraza nunha cadeira de rodas e, por outro lado, déixase un espazo entre os muros das casas e a senda que queda a monte o que require cando menos unha actuación regular da concellería de servizos básicos para facer a limpeza correspondente.
A ausencia de mantemento das beiravías está provocando moito malestar entre os veciños e as veciñas das zonas afectadas, como é o caso de Texexe, e polo tanto reclamamos unha actuación urxente e que se dea unha solución ao problema. Son numerosos os tramos de beiravías e beirarrúas impracticabeis, nas que os peóns se ven obrigados a circular polo espazo destinado aos vehículos.
O Concello no que xa é un modus operandi moi claro, comezou as obras de varias beiravías ao mesmo tempo, para logo telas paradas por varios meses creando así a falsa ilusión de que se traballa cando en realidade o único que se fai e alongar os prazos das obras na busca do rédito electoral e non o benestar da veciñanza.
Para rematar, Fernández Baz, destacou que en Teo temos un problema evidente relacionado coa ausencia de seguridade viaria que dificulta que as persoas se poidan desprazar a pé cun mínimo de seguridade. E lembrou que diante disto, o BNG defende, a elaboración dun Plan de Seguridade Viaria e de Humanización para afrontar o problema grave que representa para os veciños e veciñas de Teo. E rematou dicindo que mentres non se poña en marcha este plan as actuacións puntuais ou parciais deben facerse de maneira que se actúe sobre a problemática da inseguridade mais tamén sen xenerar novos problemas.