FERNÁNDEZ BAZ RECLAMA O REPARTO ORGANIZADO DE MATERIAL DE PROTECCIÓN PARA AS PERSOAS QUE O PRECISAREN
Instamos ao Concello a apoiar o tecido asociativo e o comercio local
O portavoz municipal, participa hoxe nunha xuntanza en liña de portavoces convocada para recibir información da actuación do Concello e para achegar propostas e debater medidas que axuden á veciñanza neste tempo de confinamento.
Entre as propostas que Manuel Anxo Fernández Baz vai trasladar aos portavoces destacan tres:
- Adoptar as medidas necesarias para blindar o tecido asociativo do concello. Nese sentido é fundamental ter moi presente a situación dos convenios e das subvencións previstas para o funcionamento das asociacións. Desde o BNG temos moi claro que as asociacións desenvolven unha importante labor cultural, social e deportiva, e van precisar todo o apoio posíbel para poder manter a súa actividade. Neste sentido é necesario poñer en primeira liña aquelas asociacións que teñen traballadoras e traballadores en nómina, sendo un caso singular ARCOs Tilos e o Clube San Francisco que tivo que aplicar un ERTE nunha plantilla de 16 traballadores fixos, e que precisan todo o apoio que se poida dar desde as administracións para garantir as actividades que desenvolven e mesmo o seu futuro.
- Ao diminuír a ocupación do espazo público por mor das medidas de confinamento decretadas para a meirande parte da poboación, ínstase ao goberno municipal a adoptar as medidas necesarias para reducir a intensidade do alumeado público nas zonas e nas horas nas que sexa posíbel para incrementar o aforro, tanto económico como enerxético, co efecto que ten isto tamén na pegada no medio ambiente.
- O pequeno comercio local esta sufrindo directamente as consecuencias do confinamento. En consecuencia desde o BNG reclamamos medidas de apoio nomeadamente no momento da reactivación da actividade.
Por outra banda esta mañá, Manuel Anxo Fernández Baz, rexistrou unha moción na que se insta á Xunta de Galiza, como administración con competencias en materia sanitaria e de saúde pública, a estabelecer un sistema de acceso aos sistemas de protección (máscaras e luvas fundamentalmente) dun xeito controlado e seguro, evitando que se produzan aglomeracións ou saídas das vivendas coa finalidade de facerse con eles, e garantindo que cheguen a todas aquelas persoas que precisan deste material para o desenvolvemento da súa actividade vital ou laboral. Nese sentido unha vía posíbel que facilitaría a organización do reparto sería a de facelo en base á estrutura do SERGAS e das farmacias a través da tarxeta sanitaria.
Desde o BNG manifestamos dende o principio desta difícil situación o apoio ao Goberno municipal e a disposición a colaborar, como así está sendo, en todo o que sexa preciso para superarmos todos e todas esta pandemia e intentar reducir o impacto na veciñanza e nos distintos estamentos da sociedade Teense.