Organizamos en Cacheiras unha charla informativa sobre a mina de Touro-O Pino
O BNG defendeu e apoiou no Concello esixirlle á Xunta de Galiza que extremen as medidas de protección medioambientais que garantan a calidade das augas do río Ulla, e que o Concello presente as alegacións técnicas oportunas ao proxecto de explotación mineira. Así como todas as medidas de vixilancia e control necesarias.
Organizamos unha charla informativa sobre a mina que pretenden reabrir nos concellos de Touro e O Pino, nela participaron os concelleiros Manuel Anxo Fernández Baz e Xoán Louzao e o deputado Xosé Luís Rivas “Mini.
Queren volver a abrir esta explotación a ceo aberto ampliando as súas dimensións considerablemente, falamos de 700 hectáreas de extensión. Este xacemento foi explotado nos anos 70 e os efectos da actividade mineira, paralizada hai uns 20 anos, continúan, tal e como confirman diversos estudos que conclúen que segue a contaminación nos acuíferos, pozos, regatos e ríos da zona por ferro, cobre a aluminio, e destes vai até o río Ulla.
Así pois, as augas do Ulla que xa sofren a contaminación aportada polo Laña e o Brandelos, derivada da explotación anterior, agora vanse ver afectadas pola nova explotación que multiplicará a carga contaminante.
A riqueza medioambiental do río Ulla é un indiscutible activo para Teo en todos os planos, e ademais, as veciñas e veciños de Teo dependemos do Ulla para satisfacer as necesidades de auga potable. Precisamos pois, un río san e limpo. Calquera tipo de ameaza ou risco para a calidade das augas do Ulla pode aparellar unha situación de carencia futura que afectaría a saúde dos ecosistemas e das persoas.
O BNG defendeu e apoiou no Concello esixirlle á Xunta de Galiza que extremen as medidas de protección medioambientais que garantan a calidade das augas do río Ulla, e que o Concello presente as alegacións técnicas oportunas ao proxecto de explotación mineira. Así como tamén, que se adopten todas as medidas de vixilancia e control necesarias para garantir unha óptima calidade da auga do río Ulla.