Reclamamos do Sergas unha solución para as clases de preparación ao parto en Calo
Fernández Baz fai un chamamento á Xerencia de Santiago para que atenda as demandas das xestantes e do persoal sanitario
Denunciamos a situación e as condicións nas que se veñen celebrando as clases de preparación ao parto no centro de saúde de Calo (Teo).
O portavoz municipal do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz, expón que estas actividades que se lle ofrecen ás mulleres xestantes celébranse na entrada/sala de espera do centro de saúde ao non dar ni permitir outra alternativa desde a Xunta de Galiza de Feijóo. Para Fernández Baz “este lugar non é, loxicamente, o acaído para este tipo de actividades, ao ser unha sala de espera e non contar coa condicións necesarias para desenvolver as clases cun mínimo de intimidade para as futuras nais e para a matrona.”
Diante desta problemática, Fernández Baz fixo unha xestión no Concello de Teo para coñecer a disposición a ceder o uso dun local municipal para a celebración das clases. Coñecida a vontade de autorizar o uso dun local acordando un horario, o portavoz nacionalista púxose en contacto coa xerencia para reclamar unha solución ao problema “que ten fácil solución porque só é cuestión de vontade”, afirma Baz. Por parte da xerencia a resposta seguemos sen coñecela pola negativa a falar co concelleiro do BNG deste problema concreto.
Para o BNG de Teo a situación é realmente “surrealista” e máis aínda cando, tal e como manifestaron usuarias do servizo, suceden episodios como o deste pasado lúns cando coincidiron consultas coa celebración das clases pola tarde. A situación non merece máis comentario só hai que pensar nas xestantes compartindo espazo coas persoas doentes que agardaban pola consulta.
Así pois, o BNG de Teo reclámalle á xerencia de Santiago de Compostela que se aveña a buscar unha solución para dispoñer dun local adecuado para celebrar as clases de preparación ao parto con dignidade.