Alcalde e PSOE suben a contribución para o ano que vén
A suba é consecuencia do incremento do 25% que acordaron en setembro de 2015. Distribúen unha nota intentando despistar aos veciños e veciñas prometendo rebaixala no ano 2029
O alcalde de Teo, Son de Teo e PSOE, deron un paso máis na senda do despropósito editando un boletín para anunciar a suba da contribución. E fano sorprendentemente “intentando despistar á veciñanza dicindo que van reducir a contribución até o ano 2029”, informou o portavoz municipal do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz.
O portavoz nacionalista engadiu que “resulta fraudulento prometer baixar a contribución no ano 2029, cando non vai depender desta corporación. O único que cabe é facelo ao revés: baixar agora e que as futuras subas anuais sexan máis leves, cando se vaia incorporando o prorrateo anual establecido por Catastro.”
“A súa desvergonza é tal que, a día de hoxe, o Concello está sen os orzamentos deste ano porque o alcalde, Son de Teo e PSOE, son incapaces de presentalos; mais non teñen reparo en afirmar o que poden facer no ano 2029”, di Fernández Baz.
O portavoz do BNG, afirma tamén que 'nese boletín, que máis parece un panfleto, ocúltase que Son de Teo e o PSOE, incrementaron en setembro de 2015 a contribución, pasando o tipo de gravame do 0,44 ao 0,55%, o que supuxo un incremento do 25%. Aquela proposta, que foi aprobada cos votos de Son de Teo e Psoe, viña a respaldar a política económica do PP aplicada por Montoro: recortes no social e incremento fiscal para a xente. A este problema creado polo goberno municipal engadíuse o proceso de regularización catastral e o chamado “catastrazo”'.