O BNG presentou no Parlamento de Galiza unha serie de emendas aos orzamentos
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentou no Parlamento de Galiza unha serie de emendas aos orzamentos da Xunta para o ano 2024, co fin de mellorar as condicións de vida das persoas que residen no Concello de Teo.
A deputada nacionalista, Iria Carreira, afirmou que "os orzamentos reflicten cal é o proxecto que ten para o País cada forza política. E fronte ao proxecto privatizador e lesivo para as maiorías sociais dun Partido Popular que está no tempo de desconto, o BNG presenta emendas para que estas contas poidan ser un avance para o noso pobo, unha aposta polos dereitos sociais e a garantía para que Galiza vaia a máis."
As principais propostas do BNG son as seguintes:
- Unha partida para a mellora do Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) A Igrexa-Calo, que leva anos reclamando unha reforma integral das súas instalacións. O BNG lembra que esta demanda xa contou co apoio unánime do pleno municipal e que a alcaldesa de Teo, Lucía Castro de la Uz, afirma que a Xunta de Galiza comprometeuse a facela realidade. Agora é o momento de demostralo dotando de partidas orzamentarias que permita facelo realidade.
- Unha partida para o remate dos procesos de concentración parcelaria nas parroquias do concello, que levan máis de dúas décadas sen concluír. O BNG denuncia que esta situación impide o desenvolvemento do sector agrogandeiro e a posta en valor dos terreos baldíos. O BNG recorda que esta demanda xa foi aprobada polo Parlamento en 2018, a proposta do seu grupo, pero a Xunta non a executou.
- Unha partida para a seguridade viaria e urbanización da AC-841 no tramo que atravesa o concello de Teo, que presenta un alto risco de accidentes a pesar das distintas iniciativas realizada.
- Unha partida para a construción dun Centro de día público e xestionado pola Xunta no concello, que cubra as necesidades de atención ás persoas maiores. O BNG critica que o Partido Popular (PP) de Teo votou en contra de reclamar á Xunta que fixera realidade esta infraestrutura, que considera imprescindible para garantir a calidade de vida e a dignidade das persoas maiores. O BNG tamén cuestiona que o PP de Teo faga propaganda anunciando reunións coa conselleira de Política Social, cando o que fai falta é que o PP no Parlamento apoie dotar de diñeiro para a construción do centro; e agora é o momento de demostralo.
Eloi Devesa, portavoz do BNG de Teo, manifestou que "somos unha organización seria que escoita as demandas da veciñanza e fai o posible por mellorar a vida da xente. Con ese fin preséntanse estas emendas aos orzamentos da Xunta, emendas que apostan por Teo dun xeito tanxible, con proxectos, ao concreto."
O BNG de Teo considera que estas entendas son fundamentais para mellorar a calidade de vida das persoas que viven no noso concello, e por iso esixen á Xunta que as acepte e as execute. De como se desenvolvan as votacións poderemos comprobar o grado de propaganda que teñen as reunións da alcaldesa cos distintos membros do Goberno da Xunta de Galiza.