O BNG de Teo impulsa o comercio local e aboga polo desenvolvemento económico
O BNG de Teo mantivo un encontro co tecido empresarial do concello para dar a coñecer a campaña de fomento do comercio local que está a desenvolver durante este mes de decembro nos distintos establecementos da localidade. A iniciativa busca incentivar o consumo responsable e de proximidade, así como apoiar ao sector comercial.
No transcurso da reunión, o BNG tamén informou das súas propostas que se resumen nos seguintes puntos:
- Elaborar un plan de acción para a promoción da economía local e impulsar un polígono industrial e de servizos que atraia novas empresas e xere emprego de calidade.
- Fomentar a adquisición de produtos locais, tanto nos comedores escolares como nas contratacións públicas, para potenciar o sector primario e reducir a pegada ecolóxica.
- Impulsar a elaboración dun mapa de recursos e servizos turísticos, baseado no patrimonio natural, medioambiental e cultural de Teo, para diversificar a oferta turística e poñer en valor os atractivos do concello e fomentar o comercio local.
- Colaborar co comercio de proximidade na súa modernización e asesoramento, e impulsar campañas que fomenten o consumo local, así como a creación dunha guía de comercio e negocios existentes no concello, para facilitar a información e a accesibilidade da cidadanía aos mesmos.
- Promover unha zona comercial virtual onde os comercios de Teo poidan poñer a disposición da veciñanza os seus produtos e que se poidan entregar a domicilio.
Ademais, o BNG recolleu as inquedanzas dos comerciantes sobre a falta de avances en relación coas prazas de estacionamento pola AC841 no seu paso por Teo e as deficiencias existentes. O BNG comprometeuse a trasladar estas demandas ao goberno municipal, tal e como o fixo no pleno de decembro, e a esixir solucións urxentes para mellorar a seguridade viaria e a mobilidade sen que se resinta o comercio local..
O BNG de Teo quere agradecer a participación e a colaboración do empresariado do concello nesta campaña de fomento do comercio local e reitera o seu compromiso de seguir traballando pola defensa dos intereses xerais da veciñanza e polo desenvolvemento económico e social de Teo.