POSICIONAMENTO SOBRE A PLANTA DE RESIDUOS DA CASALONGA

Nota de Prensa 13 de Maio de 2022

O BNG esixe medidas urxentes para poñer fin á ameaza que pesa sobre Casalonga

 

A voceira nacionalista, Patricia Castelao, pide explicacións sobre o cambio de titularidade a nome de Toysal da pista que leva á canteira e esixe que se estude todas as posibilidades abertas

 

Reclama un "pacto municipal" para sumar forzas contra a instalación do vertedoiro

 

Teo, a 13 de maio de 2022.- O BNG denuncia que, en lugar de alonxar a ameaza do vertedoiro, as novas informacións como o cambio de titularidade da pista abren novas portas para facilitar a súa instalación á empresa Toysal. A portavoz, Patricia Castelao, reclamará ao goberno municipal que estude todas as posibilidades abertas para bloquear definitivamente o proxecto de vertedoiro e pide explicación sobre o cambio de titularidade da pista a nome de Toysal ademais de defender un pacto municipal para facer fronte ao atentado medioambiental.

"Este conflito está a durar xa máis tempo do previsto e estase somentendo á veciñanza a unha tensión innecesaria porque, non cabe dúbida, o proxecto de Toysal ten que ser, tarde ou temprano, un pasado para esquecer no concello de Teo", sinala a portavoz nacionalista Patricia Castelao .

A perda de control sobre a pista supón, para Patricia Castelao, "facilitar a Toysal que faga o que lle pete nos terreos e, fronte isto, estará o BNG e tamén as veciñas e veciños como levamos demostrando todos estes meses de protestas e mobilizacións para deixar claro que, de se construír, atoparíanse coa nosa oposición activa".

Para o BNG, a actitude da Xunta e do Concello ten que ser "contundente, poñéndose á fronte da situación en lugar de abrir novas portas a que a ameaza sexa unha realidade" polo que esixe "unha actitude firme, botando man de todas as posibilidades que existen para que o vertedoiro non se realice".

 

Un pacto municipal

 

Reclama Patricia Castelao, polo tanto ,que "todas as forzas políticas do concello se deixen na pel neste tema para intentar solucionalo por todos os medios, con responsabilidade, respondendo só aos intereses das veciñas e veciños". Ao seu ver, a notificación do cambio de titular catastral e rexistral da pista da canteira a nome de Toysal supón "poñer ao raposo a coidar as galiñas, é dicir, vía libre para meter na canteira o que sexa e sen ningún control".

Desta maneira, o BNG reclamará ao goberno do concello de Teo que "se implique de maneira activa para coñecer as condicións das posíbeis vías de negociación cos axentes implicados, a propia Toysal mais tamén a Dirección Xeral de Minas, que se fagan públicos os requisitos que están sobre a mesa para desbloquear esta situación porque os veciños e veciñas non merecen continuar vivindo esta presión durante tanto tempo".

"Desde o BNG estamos a facer unha oposición responsábel, construtiva e dialogante mais non permitiremos un novo golpe á veciñanza con noticias que só fan aumentar a alarma. Queremos unha solución urxente porque é xa moito tempo de tensión e é necesario que as institucións se impliquen en buscar unha solución. O vertedoiro só é negocio para Toysal e prexuízos para o concello de Teo, en especial, para as persoas máis afectadas que viven no entorno de Casalonga", sinala a concelleira nacionalista Patricia Castelao.

"Esiximos, antes que nada, respecto á veciñanza que vive con desesperación esta confusión e merecen vivir con tranquilidade", defende Patricia Castelao.

Lembrou tamén que o BNG levou o tema ao Parlamento Galego e ao Congreso dos Deputados e "non parará de defender a paralización do proxecto en todas as institucións xa que existen vías e hai que esixilas para que o vertedoiro non se instale en Casalonga".

Nota de Prensa 13 de Maio de 2022
Nota de Prensa 13 de Maio de 2022