INAUGURACIÓN DO LOCAL DO BNG DE TEO

Nota de Prensa 14 de Xullo de 2022

O BNG de Teo inaugura en Cacheiras un local aberto á veciñanza

 

A portavoz municipal, Patricia Castelao, participará no acto de apertura que terá lugar este venres ás 20.30 horas

 

Teo, 14 de xullo de 2022.- Como unha "casa aberta" á veciñanza presenta o BNG de Teo o novo local que este venres inaugura en Cacheiras. A portavoz municipal, Patricia Castelao, e a responsábel de organización da executiva da formación nacionalista, Lucía López Sobrado, participarán no acto de apertura ao que convidan á veciñanza do concello.

O BNG de Teo inaugurará este mesmo venres un local amplo, luminoso, a rente de rúa e aberto a veciñanza que ten como obxectivo converterse, segundo apuntan, "nun espazo de referencia e encontro non só para a militancia senón para todas as veciñas e veciños de Teo".

O local está situado nun baixo da travesía de Cacheiras, un espazo privilexiado, moi transitado, céntrico e de fácil acceso desde todo o territorio do concello. "Buscabamos que a propia ubicación fose tamén accesíbel, que estivese a man de quen quixese achegarse e participar da actividade como achegar suxestións ou preocupacións con respecto ao concello", apunta a portavoz municipal, Patricia Castelao.

 

Proceso de consulta para unha alternativa necesaria

 

O novo espazo que o BNG abrirá este venres cun convívio festivo será tamén un lugar clave para o proceso participativo e de diálogo coa veciñanza que a formación nacionalista inicia de cara as eleccións municipais que se celebrarán o próximo ano. "O BNG quere coñecer de primeira man os problemas, os proxectos e os desexos dos veciños e veciñas. Interésanos a opinión da xente para elaborar o noso programa, para a nosa acción municipal e para apostar por iniciativas que melloren a vida das teenses", explica Patricia Castelao que convida ás persoas que residen no concello a facer as súas achegas e trasladar as súas preocupacións á formación nacionalista.

"O BNG caracterizouse sempre por saber escoitar, por preguntar e por tratar de solucionar os problemas que afectan ás persoas en Teo. O local é un paso adiante, a apertura dun espazo que contribuirá a que todo este proceso sexa máis fácil", explica Patricia Castelao que destaca tamén a cómoda situación das novas instalacións, moi a man para as parroquias do concello.

Ademais da propia actividade política da organización nacionalista que consigue co novo espazo un local para a celebración de asembleas e reunións, o BNG considera que este local será tamén un "lugar aberto para encontros e debates, para presentacións e entrevistas, para que as persoas que traballan por un Teo mellor teñan posibilidade de acceder a un local cómodo e en condicións".

 

Expectativas para as municipais

 

A portavoz municipal, Patricia Castelao, apunta ademais a que a apertura do novo local responde tamén "ás expectativas que temos de cara ás próximas eleccións municipais nas que queremos ofrecer unha ferramenta con garantías e imprescindíbel para a mellora do concello e da vida de todas as persoas que o habitamos". "Somos a alternativa real, unha forza en crecemento a nivel galego e municipal que precisa, tamén por esta razón, un espazo digno para o desenvolvemento deste proceso de encontro e diálogo que xa avanzamos nestes tres anos mais que queremos intensificar para que boa parte da veciñanza participe no noso proxecto, que está aberto a todas e todos", apunta Castelao.

Nota de Prensa 14 de Xullo de 2022
Nota de Prensa 14 de Xullo de 2022