VOTACIÓN DOS PRESUPOSTOS MUNICIPAIS

Nota de Prensa 24/02/2022

Teo, 24/02/2022.-

O BNG apoia os orzamentos do concello de Teo "por responsabilidade" e anuncia que non apoiará ningunha moción de censura

A nova portavoz, Patricia Castelao, tomou posesión do seu cargo no pleno en que se rexeitaron as contas municipais

 O BNG de Teo decidiu votar a favor dos orzamentos presentados polo goberno municipal "por responsabilidade e polo ben da veciñanza que está a padecer as consecuencias dun goberno débil e inestábel", sinalou a nova voceira nacionalista, Patricia Castelao, que tomou posesión no pleno en que se debateron as contas municipais para este ano que foron rexeitadas cos votos do PP e o PSOE. 

"Non son os nosos orzamentos e gustaríanos un maior diálogo nun tema que é crucial para o futuro da veciñanza mais, mesmo así, por responsabilidade, decidimos votar a favor das contas presentadas polo goberno municipal", sinala a nova portavoz do BNG no concello de Teo, Patricia Castelao no seu primeiro pleno como concelleira. 

O BNG anuncia tamén que lamenta que o goberno presidido por Rafael Sisto, "teña que vincular os orzamentos a unha moción de confianza porque demostra a soidade do seu grupo que tenta gobernar cunha minoría insuficiente", polo que solicita "xenerosidade, diálogo e humildade para a defensa dos intereses da veciñanza que si que están vinculados aos orzamentos que son o verdadeiro programa de goberno dun concello". 

Neste sentido, Patricia Castelao anunciou tamén que non apoiará ningún intento, a curto prazo, de calquera iniciativa de "moción de censura porque estamos certas de que a alternativa será aínda peor, tal e como se demostrou na historia recente de Teo". 

O BNG quere deixar claro despois do acontecido no pleno celebrado este mércores que "os intereses primeiros están  na mellora das condicións de vida da veciñanza do concello de Teo, nuns orzamentos sociais e realistas, que non vendan fume senón que resolvan as urxencias da veciñanza" e, neste sentido, as dúas concelleiras comprométense a "apoiar as accións de goberno encamiñadas a reclamar melloras para o concello como estamos facendo co sistema sanitario ou de transporte e tamén a reunirnos as veces que faga falta para chegar a acordos para o ben de Teo". 

Advertiron, iso si, que "a situación do concello mudou con Son de Teo gobernando en solitario e iso ten que obrigar ao grupo dirixido por Rafa Sisto a tomar nota e ser dialogante, coa humildade que se precisa nunha situación de grande debilidade". Neste sentido, apuntaron tamén as nacionalistas que "polo BNG non se vai perder ningunha oportunidade para tomar decisións ou desenvolver accións que supoñan responder aos intereses e beneficios das veciñas e veciños de Teo”.

Nota de Prensa 24/02/2022
Nota de Prensa 24/02/2022