Nota de Prensa 29-09-22 Sobre a xuntanza do PSdG-PSOE co propietario de Toysal
O BNG de Teo pide o cese de reunións clandestinas e reafirma o seu apoio á veciñanza da Casalonga
Teo, 29 de Setembro de 2022.- Ante as declaracións en redes sociais da voceira do PSdG-PSOE de Teo, Uxía Lemus, nas cales informa da súa xuntanza co dono de Toysal, Víctor Toca, o BNG quere recordar que existe unha Comisión Informativa Especial sobre a Canteira da Casalonga a través da cal se deben levar adiante todos os actos relacionados coa canteira. Por un lado, recórdalle a Lemus que a constitución de dita Comisión foi unha proposta do PSOE, polo cal, rógalle que faga uso dela. Polo outro, non comprende o motivo polo cal Lemus agardou a realizar esta xuntanza co dono de Toysal a oito meses das eleccións e non no momento no cal estaba no goberno municipal.
Hai máis de 4 anos que comezou esta loita e o BNG non considera que, en menos de 24 horas, se poida dar unha resposta a unha reunión convocada informalmente e a petición propia. Ademais, acha que no momento no cal unha persoa que poida facer avanzar este problema se pon en contacto con alguén da comisión, este último debería comunicarse con todos os membros da comisión antes da reunión e non con posterioridade, como actuou a voceira do PSdG-PSOE.
O BNG de Teo quere resaltar que traballa e seguirá traballando para achar unha solución, mais non comparte as formas da voceira do PSdG-PSOE. Así, pide o cese das reunións clandestinas e a volta á axenda das xuntanzas para achar unha solución entre todas e todos e non de maneira individualizada.
Finalmente, o BNG reitera o seu principal obxectivo: traballar a prol das veciñas e dos veciños da Teo e non a favor dunha empresa privada.