Nota de prensa do 31 de maio de 2022
O BNG aposta pola municipalización da recollida e a compostaxe dos RSU - Teo, 31 de maio de 2022-
É sorprendente que o Goberno Municipal de Teo, Son de Teo, agardase a que faltasen só dous meses para finalizar a concesión da recollida do lixo, para abrir este debate sobre a posible municipalización do servizo. Este comportamento reflicte unha falta de previsión e de eficacia preocupante e reiterada de Goberno Municipal, até hai pouco en coalición co PSOE e agora en solitario.
Entendemos que o sistema de recollida debe de ir vinculado ao modelo de tratamento dos mesmos. Por iso é o momento de abrir un debate sobre estes dous aspectos, xa que segundo os obxectivos e criterios do tratamento haberá que facer a recollida.
No BNG, como criterio xeral, apostamos por un servizo de recollida municipalizado, e polo modelo das 3R (redución, reciclaxe e reutilización), tendo a compostaxe caseira e comunitaria como cerne do mesmo, obxectivos que con Sogama non se están a conseguir.
Neste momento, xa existen moitos concellos na Galiza que están traballando nesta liña. O plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, as experiencias de Allariz e Carballo... poden servir modelos a estudar e a implementar en Teo.
Isto permitiría adecuarse xa á nova Lei 7/2022 de abril de residuos e solos contaminados para unha economía circular, na que xa se prohibe a incineración dos residuos.
Outro aspecto a ter en conta é a posibilidade de participar en proxectos comarcais para mellor rendibilizar os servizos.
Asi mesmo, para o BNG é fundamental a implicación da cidadanía neste novo modelo, e isto conséguese únicamente con moita información e creando espazos de participación.