ACTO CONMEMORATIVO DA BATALLA DE CACHEIRAS
Nota de prensa do bng de Teo 23 de Abril de 2022
O BNG conmemora a Batalla de Cacheiras como "semente do nacionalismo"
A portavoz de Teo, Patricia Castelao, destaca que "o BNG incorpora a enerxía de quen defendeu os dereitos de Galiza na nosa historia"
Teo, 23 de abril de 2022.- O BNG de Teo homenaxeou esta mañá ás persoas que participaron na Batalla de Cacheiras tal día coma hoxe de 1846 como "semente necesaria do nacionalismo actual". A portavoz, Patricia Castelao, e a concelleira, Carme Diéguez, realizaron nunha ofrenda floral no monumento conmemorativo da Fundación O Grelo-Amigos de Galiza e convidaron a "homenaxear ás persoas que defenderon os nosos dereitos e un futuro de seu para a nosa terra".
Nun acto en que participaron tamén militantes do BNG de Teo, as concelleiras Patricia Castelao e Carme Diéguez depositaron un ramo de flores diante do monumento á Batalla de Cacheiras que tivo lugar o 23 de abril de 1846 e manifestaron a necesidade de "lembrar a todas as persoas que, ás veces dando a propia vida, loitaron polos dereitos e os intereses de Galiza".
Na vangarda dos dereitos nacionais e sociais
Neste sentido, a portavoz, Patricia Castelao, destacou o interese de "coñecer e recuperar a nosa propia historia e transmitila en herdanza ás novas xeracións porque é tamén o xermolo dun futuro mellor". Ao respecto, fixo fincapé no "relevante pasado desta terra, con episodios cruciais para toda Galiza como este mesmo da Batalla de Cacheiras que, sen dúbida, é un acontecemento que nos puxo na vangarda da loita polos dereitos non só no noso país senón máis alá das nosas fronteiras".
"Na Batalla de Cacheiras defendéronse os nosos dereitos como pobo e tamén os dereitos das persoas a vivir dignamente e, neste sentido, é un referente de especial valor para o BNG porque nos sentimos herdeiras deses mesmos obxectivos e por eles traballamos", apuntou Patricia Castelao para quen a formación nacionalista "incorpora a enerxía de quen defendeu Galiza a través da nosa historia".
A concelleira nacionalista de Teo apostou por unha acción de goberno local que "teña á recuperación da memoria como un dos seus eixos de actuación porque a historia do noso concello pode ser unha ferramenta de interese para a dinamización social e tamén para presentarnos no conxunto de Galiza con identidade propia".