O BNG denuncia a propaganda da Xunta e do Concello de Teo sobre o centro de día
Teo, 02 de outubro de 2023.- O Bloque Nacionalista Galego denuncia que a recente reunión entre a Xunta de Galiza e o Concello de Teo para estudar a creación dun novo centro de día de atención a maiores non é máis que unha campaña de propaganda sen ningún compromiso concreto.
O grupo nacionalista considera que esta reunión é unha reacción ás iniciativas do BNG no Parlamento e ao contacto coas asociacións de veciños e veciñas para esixir unha partida orzamentaria concreta para o centro de día. O grupo nacionalista critica que a Xunta e o Concello non anunciaran ningunha data nin ningunha cantidade para este servizo, senón que se limitaron a facer unha foto e un comunicado.
O BNG lembra que leva anos reclamando a construción dun centro de día en Teo, unha demanda histórica da veciñanza que foi aprobada no bipartito e non foi atendida polo PP. Desde o ano 2009, o grupo nacionalista presentou distintas iniciativas no Parlamento Galego para que se fixera realidade este proxecto, que foron rexeitadas polo PP. Tamén presentou emendas aos orzamentos da Xunta para a súa construción, que foron sistematicamente rexeitadas polo PP.
O BNG considera que o centro de día é un servizo público imprescindíbel para atender á poboación maior do concello, que supera o 20% do total. Ademais, entende que este tipo de infraestruturas favorecen a calidade de vida das persoas dependentes e das súas familias, así como a creación de emprego no sector dos coidados.
Por todo iso, o BNG insta á Xunta a deixar de facer propaganda e a cumprir co seu compromiso e construír o centro de día público de Teo na maior brevidade posíbel dotado con persoal a cargo da Xunta de Galiza. Tamén anuncia que presentará unha nova emenda aos orzamentos da Xunta para 2024 para reclamar 100.000 euros para o proxecto e 1 millón para a súa construción. O BNG tamén considera que ese era o compromiso que debería ter saído desa reunión, senón será máis fume como o que levan vendendo desde o ano 2009.