PP vota en contra da moción do BNG para a construción dun centro de día.
O Partido Popular presenta outra moción de urxencia para evitar calquera compromiso por parte da Xunta.
Teo, 26 de outubro de 2023.- O Partido Popular (PP) volveu a demostrar o seu desinterese pola atención pública e de calidade ás persoas maiores no concello de Teo ao votar en contra da moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) para que a Xunta se comprometera a construír un centro de día público na localidade e concretara orzamentos e prazos.
O BNG leva anos reclamando este servizo público, que considera imprescindíbel para atender á poboación maior do concello, que supera o 20% do total. O grupo nacionalista presentou varias iniciativas desde o ano 2009 para que se fixera realidade este proxecto, así como emendas aos orzamentos da Xunta para a súa financiación, pero todas foron rexeitadas polo PP.
O BNG denunciou que o PP veu bloqueando o centro de día público, e sígueo facendo ao presentar unha moción que non aclara como se fará fronte á construción e xestión do centro. Ao non recoller ningún compromiso por parte da Xunta deixa entrever a posibilidade de facilitar a súa execución de forma privatizada.
O BNG criticou que a recente reunión entre a conselleira de Política Social, Fabiola García, e a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, foi un acto de propaganda sen ningún compromiso real, tal e como se pode comprobar coa presentación da moción de urxencia onde busca desvincular á Conselleira de calquera compromiso.
O BNG seguirá traballando pola construción dun centro de día público de Teo na maior brevidade posíbel dotado con persoal a cargo da Xunta de Galiza e manterá a emenda aos orzamentos da Xunta para 2024 para reclamar 100.000 euros para o proxecto e 1 millón para a súa construción.
O BNG acusou ao PP de non respectar a vontade da veciñanza e de negarlle un dereito básico ás persoas maiores do concello ao aprobar unha moción baleira de contido e que segue dilatando no tempo un compromiso real coa construción do centro de día. O BNG defendeu que esa infraestrutura é un servizo público fundamental para atender ás persoas dependentes e ás súas familias, e non permitirá que se transforme nun negocio.