Aprobada por unanimidade a moción do BNG en apoio aos afectados e afectadas pola gasolineira da Ramallosa

IMG_0322
O "Escorial de Teo"

Aprobáronse por unanimidade as dúas mocións presentadas polo BNG. Preguntamos se hai un plan contra a velutina en Teo, polos envelenamentos a mascotas e pola a obra do "Escorial de Teo", a praza circular dos Tilos.

Aprobada por unanimidade a moción do BNG en apoio aos afectados e afectadas pola gasolineira da Ramallosa

O portavoz municipal do BNG en Teo, Manuel Anxo Fernández Baz presentou unha moción no Pleno do 29 de novembro instando á Corporación a apoiar o rexeitamento da construción dunha gasolineira á beira dun centro de ensino e a apoiar ás nais e pais do alumnado que se opoñen á instalación.

Este grupo de nais e pais rexistraron no Concello case 300 sinaturas reclamando o apoio do alcalde ás súas demandas a respecto da gasolineira, logo de que o sr. Sisto respondera a unha pregunta do BNG no Pleno de outubro que non tiña coñecemento de ningunha oposición a instalación dun establecemento perigoso e contaminante a escasos metros do colexio.

A moción ademais de solicitar o apoio ás reclamacións veciñais, tamén rexeita a lexislación que permite instalar gasolineiras sen establecer ningún tipo de limitación a respecto de centros de ensino, de saúde, vivendas ou parques infantís, e solicita que se comunique o acordo e a preocupación das nais e pais á Xunta.

No Pleno tamén se aprobou por unanimidade a moción de rexeitamento da violencia de xénero na que se insta a Xunta a apoiar o acordo acadado por unanimidade no Parlamento de Galiza en xaneiro de 2017.

No apartado de rogos e preguntas, Fernández Baz, interesouse polo estado das obras da praza circular dos Tilos que vai camiño de ser o “Escorial de Teo”, con continuos paróns e atrasos na obra. As obras comezaron en febreiro deste ano cun orzamento total de case 300.000 euros e un prazo de execución de catro meses. A día de hoxe a obra aínda non ten data de remate e posta a disposición veciñal. Por outra banda, tamén preguntou polo estado do orzamento para 2018, en tanto que “as contas deberían estar presentadas se atendemos á lexislación, e sobre todo tendo en conta que o goberno de Son de Teo-Anova e PSOE presentou os orzamentos de 2017 con máis de sete meses de atraso, algo que agardamos non convirta en costume”. Formulou o portavoz nacionalista unha pregunta sobre o envelenamento de animais nos Tilos e sobre a actuación do goberno municipal a respecto desta problemática. Outro tema que tratou, unha vez mais, foi o dos niños de velutina que foron retirados este ano, pregunta que o alcalde respostou cun “moitos”. Diante desta “praga” o alcalde informou que están formando a protección civil para dispoñer dun equipo de actuación o vindeiro ano. Así mesmo, Fernández Baz, falou do “trrampeo” que é efectivo nos meses de xaneiro a marzo para paliar o avance da velutina. Finalmente, adicou un espazo a falar do recoñecemento BIC á ponte de Pontevea a iniciativa do BNG, o portavoz nacionalista preguntou: “se desde Cultura e Turismo de Teo se iniciaran os contactos co Concello da Estrada e coa Xunta para poñer en valor a ponte e o seu entorno, pois sen recursos de pouco vale o título”. 

Aprobada por unanimidade a moción do BNG en apoio aos afectados e afectadas pola gasolineira da Ramallosa